Benestar destina ao mantemento anual de 22 prazas públicas de discapacidade no Carballiño máis de 153.000 euros
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou o pasado mércores o centro ocupacional de Aspadasi no Carballiño, en Ourense, que oferta un total de 22 prazas públicas para persoas con discapacidade ás que a Consellería de Traballo e Benestar destina máis de 153.000 euros ao ano.
Piñeiro percorreu as instalacións e mantivo un encontro cos directores, cos traballadores e cos propios usuarios do centro para coñecer de primeira man as súas demandas e, deste xeito, pulsar a súa realidade cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario. A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.
A dependencia é unha prioridade para o Goberno galego. En concreto, na provincia de Ourense, a Consellería de Traballo e Benestar oferta preto de 600 prazas para persoas con discapacidade, o que supón un 2,4% máis que en 2009.
Ademais, tal e como reflicten os orzamentos de 2015, a Xunta destinan este ano case 300 millóns de euros á atención á dependencia en Galicia, o que supón un incremento de 20 millóns de euros con respecto a este ano. Trátase, un ano máis, da partida que concentra o maior esforzo orzamentario da Consellería de Traballo.