Baltar logra un acordo co Ministerio de Industria para crear «Enourense», o portal das denominacións de orixe ourensás
O presidente da Deputación de Ourense e do Inorde, Manuel Baltar, ven de conseguir do Ministerio de Industria unha achega de 80.000 € que se destinará a financiar un proxecto de mellora da competitividade e innovación das Pemes do sector vitivinícola da provincia de Ourense adscritas ás catro denominacións de orixe ourensás: Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra. A acción principal é a creación do portal web «Enourense», cumpríndose así un novo compromiso dos anunciados polo presidente Baltar no debate sobre o estado da provincia. A posta en marcha deste portal irá acompañada de iniciativas de apoio ás pemes e de estratexias de innovación, ademais de realizar unha diagnose do sector e poñer a disposición das empresas unha plataforma de comercio electrónico e accións de promoción e asesoramento para mellorar a competitividade do sector.
Manuel Baltar e o subsecretario do Ministerio de Industria, Enrique Hernández Bento, asinaron en Madrid o convenio de colaboración que permitirá «a posta en marcha do portal «Enourense» e doutras accións de promoción, estudo e asesoramento para as pequenas e medianas empresas do sector vitivinícola da provincia de Ourense, coa finalidade de dinamizar o tecido produtivo a través de novas canles de achegamento ao mercado, como é o comercio electrónico especializado para este sector», afirma o presidente do goberno provincial. Asemade, no marco deste acordo, desenvolveranse iniciativas de I+D+I para mellorar o posicionamento no mercado dos produtos e servizos das Pemes.
Para levar a cabo este proxecto realizarase previamente unha diagnose do sector, analizando as fortalezas, debilidades, ameazas e oportunidades das empresas, así como os municipios que van formar parte do programa. Isto irá acompañado de actuacións de sensibilización e captación de Pemes. Seguidamente realizaranse accións de difusión do proxecto e porase en marcha a plataforma de comercio electrónico «Enourense» para favorecer a competitividade e a promoción das catro DO e das Pemes ourensás do sector do viño, unha ferramenta tecnolóxica que lles permitirá comercializar seus produtos e sevizos en Internet.
A última fase do proxecto será a de asesoramento ás empresas. Estímase que serán unhas 80 Pemes, coas que se elaborará un catálogo dos seus produtos e servizos para comercializalos a través de Internet.
A Deputación de Ourense participa no proxecto por medio do Inorde, que levará a cabo o traballo de captación das empresas beneficiarias, e colaborará coa Fundación Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, na promoción e difusión do programa. Pola súa banda, a EOI deseñará e dirixirá as actividades e seleccionará aos participantes e destinatarios das accións, as cales se desenvolverán ao longo do ano 2015.
Emprendemento e innovación
A cooperación entre Deputación de Ourense e Ministerio de Industria ven sendo unha constante e tense intensificado nos últimos meses. En outubro pasado Manuel Baltar e o director xeral da Fundación EOI, Fernando Bayón, asinaron un acordo de colaboración que permitirá investir un millón de euros na provincia de Ourense en actividades destinadas ao emprendemento xuvenil. E máis recentemente, o pasado mes de decembro, ámbalas dúas institucións organizaron no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» o Foro Redepyme, un evento que serviu para sensibilizar a emprendendores e empresarios sobre a importancia de aplicar a innovación e o networking ás iniciativas empresariais.
Manuel Baltar agradece «a sensibilidade» do Ministerio de Industria e da Fundación EOI, e en especial de Fernando Bayón, con Ourense «porque están a apoiar sempre ese compromiso de desenvolvemento da nosa provincia», e destaca que froito desta colaboración tamén podemos potenciar iniciativas como o Plan «Transforma Ourense», «unha ferramenta de apoio a emprendedores e empresarios que lles permite ter unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa, co fin de determinar oportunidades de mercado. Todo elo para seguir impulsando a actividade innovadora e empresarial, e para favorecer a competitividade e a creación de emprego na nosa provincia».