Baltar chega aos xulgados de Lugo, imputado por suborno
O ex presidente da Deputación provincial de Ourense, José Luis Baltar Pumar, presentouse na sede dos xulgados de Lugo uns minutos antes das 10 da mañá para declarar como imputado pola xuíza instrutora da operación Pokemon, Pilar de Lara.
O veterano político, xa retirado, afirmou nunhas declaracións aos informadores ao chegar que se sentía «tranquilo totalmente».
Xa que outros imputados se negaron a prestar declaración, ao ser preguntado polos xornalistas se ía declarar, afirmou: «Claro que si».
Despois de ironizar que xa está «acostumado», agregou que, despois de dous días de descanso, vén cumprir co «que lle toca a todos os obreiros, traballas pola semana, descansas sábado e domingo e no luns volves comezar».
Uns minutos antes tamén entrou nos xulgados lugueses a xuíza instrutora, quen sinalou aos medios que non depende dela a duración da declaración do político ourensán.
Baltar Pumar está imputado por un presunto delito de suborno, vinculado coa empresa Vendex, que presta diversos servizos en numerosas administracións locais.
O ex presidente da Deputación fora citado para a pasada semana en Lugo, mais coincidiulle cunha cita previa nos xulgados de Ourense pola contratación presuntamente ilegal de 104 persoas na institución provincial. EFE.