Axudas por 640.000 € ao Deporte
- A Deputación de Ourense convoca as axudas ao Deporte 2017, destinadas a clubs, deportistas, concellos, entidades e torneos
- A institución provincial destina un presuposto total de 640.000 euros para as diferentes modalidades
O Boletín Oficial da Provincia de Ourense (BOP) publicou as bases reguladoras para as convocatorias de axudas en materia deportiva para o exercicio 2017 que convoca a Deputación de Ourense. En total, a institución provincial destina un presuposto de 640.000 euros para as diferentes modalidades.
En canto ás bases reguladoras correspondentes a clubs deportivos de Ourense teñen como finalidade financiar parcialmente os gastos que se derivan da súa participación na competición deportiva durante a tempada 2016-2017. Os beneficiarios destas axudas deberán cumprir os requisitos de: estar inscritos nos rexistros deportivos correspondentes da Xunta de Galicia, ter o seu domicilio social na provincia de Ourense, participar na tempada 2016-2017 en competicións oficiais convocadas polas súas respectivas federacións, e posuír, polo menos, un equipo de base acreditado.
A contía total máxima estimada para esta convocatoria é de 400.000 euros, sendo as axudas por cada beneficiario dun importe máximo de 24.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes rematará o 20 de decembro de 2016.
Deportistas
Outra das convocatorias publicadas no BOP é a referida ás axudas a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais do ano 2016. A finalidade destas axudas é fomentar a práctica deportiva e incentivar aos deportistas ourensáns cualificados mediante o recoñecemento da súa traxectoria e rendemento deportivo.
Os beneficiarios destas axudas son as persoas físicas que sexan deportistas federados, de categoría de base ata absoluta, e exclusivamente de modalidades deportivas individuais, de nacionalidade española ou residentes legais en España. Así mesmo, deberán posuír ficha federativa por algún club deportivo da provincia de Ourense durante a tempada 2015-2016. Aqueles deportistas que non posúan a licenza federativa por ningún club ourensán nesa tempada, pero se manteñan vinculados ao deporte ourensán, sempre que exista unha causa xustificativa do feito de que non dispoñan da licenza.
A contía total máxima estimada para esta convocatoria é de 25.000 euros, sendo o importe máximo da axuda a cada deportista de 3.000 euros. O prazo para solicitar estas axudas remata o 20 de decembro de 2016.
Cooperación cos concellos
En materia de cooperación cos concellos, o BOP publicou as bases reguladoras da convocatoria para a concesión de axudas a concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico-deportivas 2017. Entran dentro desta convocatoria, os eventos deportivos realizados de maneira puntual e vencellados aos hábitos de vida saudable como son as andainas, carreiras populares, torneos, entre outros; e os programas deportivo-recreativos, realizados de maneira regular durante un período de tempo específico, entre os que se engloban os programas de actividade físico deportiva para adultos e persoas maiores, e os programas destinados á promoción ou divulgación dunha especialidade deportiva mediante a súa práctica.
Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos ourensáns de menos de 20.000 habitantes e as mancomunidades de municipios da provincia de Ourense. A contía máxima estimada para esta convocatoria é de 60.000 euros, sendo a contía das axudas concedidas dunha porcentaxe máxima do 50% do custo total da actividade para os concellos de máis de 3.000 habitantes e mancomunidades, e do 70% para os de menos de 3.000 habitantes. O prazo para presentar as solicitudes remata o día 28 de febreiro de 2017.
Entidades deportivas
O BOP tamén publicou as bases reguladoras da convocatoria para a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos 2017. A finalidade destas axudas é contribuír ao mantemento dunha ampla actividade deportiva, orientada ao público en xeral e baseada principalmente nos conceptos de deporte-saúde e deporte para todos. Os eventos deportivos subvencionables nesta convocatoria deben cumprir os seguintes requisitos: actividades físico-deportivas de carácter específico e puntual, que impliquen a práctica de disciplinas deportivas recoñecidas polas federacións deportivas, ou actividades físicas semellantes de carácter competitivo ou non, como xornadas deportivas, campionatos e torneos, entre outros.
A contía máxima estimada para estas axudas é de 70.000 euros, sendo o importe por axuda dunha porcentaxe máxima do 50% do orzamento da actividade, non superando a contía de 10.000 euros por beneficiario. O prazo de presentación de solicitudes ten dous períodos, o primeiro ata o 28 de febreiro de 2017 e; o segundo, desde o 1 de xuño ata o 30 de xullo de 2017.
Copas Deputación 2017
A última convocatoria publicada no BOP en materia deportiva é a relativa ás axudas para as Copas Deputación 2017. O programa de Copas Deputación, de gran tradición na provincia, tratan de garantir a continuidade de determinadas competicións deportivas amateur que, en moitos casos, constitúen a única actividade regulada que se organiza na provincia para determinadas disciplinas deportivas. En todo caso, non poderá existir máis dunha Copa Deputación por modalidade deportiva.
Os beneficiarios destas axudas poderán ser as federacións galegas, a través das súas respectivas delegacións na provincia de Ourense. Así mesmo, as federacións poderán encomendarlle a organización da Copa Deputación a unha entidade deportiva domiciliada en Ourense. A contía estimada para esta convocatoria é de 85.000 euros, pudendo presentar as solicitudes ata o 20 de decembro de 2016.