Axudas por 200.000 euros para os traballadores afectados por EREs de suspensión por causa de forza maior
- A Xunta activa con 200.000 euros as axudas para os traballadores afectados por EREs de suspensión por causa de forza maior
- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta iniciativa que complementará o salario dos traballadores permitíndolles manter o seu poder adquisitivo entre un 80 e 90% en función da súa base de cotización
A Xunta vén de activar con 200.000 euros as axudas dirixidas ás traballadoras e traballadores galegos afectados por Expedientes de Regulamento de Emprego (ERE) de suspensión por causa de forza maior. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta iniciativa pioneira en Galicia que complementará o salario dos traballadores permitíndolles manter o seu poder adquisitivo entre un 80 e 90% en función da súa base de cotización. Trátase dun crédito inicial que é ampliable.
O que se busca é paliar as situacións nas que se poden atopar os traballadores afectados por EREs suspensivos causados por forza maior como terremotos, incendios, inundacións, pragas, explosións ou outro acontecemento catastrófico que implique a destrución total ou parcial das instalacións, impedindo temporalmente a continuidade total ou parcial da actividade empresarial. Inclúese tamén como causa de forza maior a constatada por resolución da autoridade laboral competente.
Poderán ser beneficiarios destas axudas, os traballadores ou traballadoras cuns ingresos brutos mensuais, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias, que non superen os 2.000 euros, ou a cantidade proporcional nos supostos de persoas traballadoras vinculadas á empresa por contrato de traballo a tempo parcial. A axuda abarcará desde o primeiro día de aplicación do ERE na compañía.
Esta actuación enmárcase na Axenda 20 para o Emprego que ten como reto apoiar ás persoas e ás empresas na creación e mantemento do emprego estable e de calidade.