Axudas para o investimento en escolas infantís dependentes de corporacións locais por valor de 1,5 millóns

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde para a concesión de axudas para o investimento en escolas infantís dependentes de corporacións locais e que ascenden a 1,5 millóns de euros

Serán subvencionables obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas, obras novas de escasa contía que doten ao edificio de servizos necesarios, a adquisición e mellora do equipamento do centro e a dotación de conexión a internet e compra de dispositivos

Con estas axudas facilitarase a posta en marcha inmediata de recursos de atención á infancia que estean unicamente pendentes da dotación de equipamento, co que se aumentará a dispoñibilidade de prazas de atención á infancia

Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros

Estas axudas enmárcanse no programa operativo Feder Galicia para o período 2014-2020 e no Plan de dinamización demográfica para Galicia 2013-2016, Horizonte 2020. Ademais, forma parte do Programa de apoio á natalidade (PAN)

 

 

logo_DOGO Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Política Social pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para o investimento en escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de corporacións locais e que ascenden a 1,5 millóns de euros. Os concellos interesados en presentar a súa solicitude contarán cun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución.

A finalidade da convocatoria é mellorar ditos centros así como os puntos de atención á infancia (PAI) de titularidade municipal a través da realización das obras menores e da compra do equipamento preciso, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada.

Con estas axudas facilitarase a posta en marcha inmediata de recursos de atención á infancia que estean unicamente pendentes da dotación de equipamento, co que se aumentará a dispoñibilidade de prazas de atención á infancia. Igualmente mellorarase a calidade da atención recibida nos que xa veñen funcionando.

Esta convocatoria enmárcanse no programa operativo FEDER Galicia para o período 2014-2020 e o financiamento articularase a través dunha convocatoria pública de subvencións baixo o réxime de concorrencia competitiva. Os concellos beneficiarios non poderán ter recibido axudas financiadas con fondos Estruturais de Investimento Europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto e no suposto de recursos que dependan da dotación de equipamento para seren postos en marcha tampouco poderán ter recibido axudas financiadas cos ditos fondos EIE para a construción da infraestrutura. Ao abeiro desta convocatoria serán subvencionables obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas, obras novas de escasa contía que doten ao edificio de servizos necesarios, adquisición e mellora do equipamento do centro (incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo), e a dotación de conexión a internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula.

As axudas poderán financiar ata o 100% do investimento subvencionable e terán unha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento. Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente solicitude. A actuación é complementaria das accións de investimento para mellora das escolas infantís da rede Galiña Azul.

A día de hoxe, existen en Galicia 127 recursos de titularidade das corporacións locais dos cales 119 reciben financiamento da administración autonómica a través do Plan Concertado, e un total de 97 concellos son titulares destes 119 recursos.

Cómpre destacar que esta convocatoria enmárcase no Plan de Dinamización Demográfica para Galicia 2013-2016, Horizonte 2020, e forma parte do Programa de Apoio á Natalidade (PAN), un programa integral da administración autonómica que ten como obxectivo apoiar ás familias galegas ofrecendo respostas globais ás súas necesidades.

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Consellería de Política Social. Investir na atención á infancia aumenta a equidade dos resultados educativos e reduce os custes para a sociedade en perda de talento e en gasto público en benestar, sanidade e incluso xustiza. Así mesmo, contar con estes recursos de conciliación contribúe significativamente a acadar obxectivos políticos fundamentais, en especial en canto a crecemento e emprego, integración social de grupos vulnerables e igualdade de xénero. O desenvolvemento dunha política de conciliación eficaz tamén constitúe unha resposta clave aos retos demográficos a longo prazo.

O orzamento consignado para as actuacións de conciliación por parte da Consellería de Política Social ascende a 67.124.923 euros, o que supón un incremento de case o 70% con respecto ao exercicio 2015. Grazas a esta aposta decidida do departamento autonómico Galicia xa é un referente de servizos de apoio á natalidade e á familia no contexto español.

También te podría gustar...