Axudas para ao funcionamento das agrupacións de voluntarios de protección civil
- O Dog publicou onte as axudas para ao funcionamento das agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia
- En total, repártense 340.000 euros para 159 Agrupacións de Protección Civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de concellos
- Por provincias, 129.498 euros irán a asociacións da Coruña, 102.652 euros para Ourense, 55.028 euros e 52.820 euros para asociacións de Lugo Pontevedra respectivamente
O Diario Oficial de Galicia na súa edición de onte publicou a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos.
En total, achegaranse 340.000 euros ás agrupacións de 159 entidades locais, 156 de concellos, a mancomunidade de Val Miñor (Pontevedra); e ás agrupacións de concellos de Cortegada, Padrenda e Monterrei; e por outra banda, á agrupación de concellos de Cualedro e Monterrei.
Por provincias, a máis beneficiada foi a da Coruña con 59 asociacións e 129.498 euros. Síguelle Ourense, con 47 asociacións e 102.652 euros; Lugo, con 27 asociacións e 55.028 euros; e Pontevedra, con 26 asociacións subvencionadas cun total de 52.820 euros.
Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas Asociacións de Voluntarios de Protección Civil nos gastos de natureza corrente, o que posibilitará o funcionamento destas entidades dentro dos seus concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.
Así, as subvencións poderán ser investidas en equipamento e vestimenta persoal de uniforme; equipos de prevención e protección; gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil e gastos de conservación, mantemento e/ou aluguer da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, entre outros.
Para a concesión destas axudas estudáronse unha serie de criterios obxectivos de avaliación como son o número de mobilizacións con asistencia ás emerxencias, a ratio de voluntarios por cada mil habitantes, o risco potencial de emerxencias -establecido polo Platerga-; ou a antigüidade e a atención da AVPC ao servizo 24 horas, por exemplo.