Axudas para a mellora da eficiencia enerxética en Monforte

  • O Concello destina 15.000 euros para os fogares máis necesitados
  • Trala publicación hoxe mércores no Boletín Oficial da Provincia de Lugo das bases e a convocatoria destas “Axudas económicas do Concello de Monforte para mellorar a eficiencia enerxética nos fogares de persoas en situación de risco e/ou exclusión social durante o ano 2022”, o prazo para solicitar as mesmas permanecerá aberto dende o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo e ata o 23 de decembro de 2022
  • O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “o Concello destina 15.000 euros a estas axudas, co obxectivo de apoiar ás familias do municipio de Monforte economicamente máis vulnerables e que que presentan dificultades económicas para afrontar os gastos enerxéticos, especialmente nun momento no que o importe da factura enerxética, tanto de electricidade como de gas, incrementouse considerablemente nos últimos tempos”
  • Poderán solicitar esta axudas, para o pagamento de subministracións básicas de enerxía eléctrica, gas, gasoil, calefacción e outras fontes de enerxía da vivenda, as persoas ou unidades de convivencia residentes no Concello de Monforte de Lemos que os servizos sociais do Concello valoren que se atopan en situación ou risco de exclusión social

 

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo ven de publicar hoxe mércores as bases e a convocatoria das “Axudas económicas do Concello de Monforte para mellorar a eficiencia enerxética nos fogares de persoas en situación de risco e/ou exclusión social durante o ano 2022.

Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello destínase un crédito máximo de 15.000 euros, “co obxectivo de apoiar ás familias do municipio de Monforte economicamente máis vulnerables e que que presentan dificultades económicas para afrontar os gastos enerxéticos, especialmente nun momento no que o importe da factura enerxética, tanto de electricidade como de gas, incrementouse considerablemente nos últimos tempos”, destaca o Alcalde, José Tomé Roca.

“Este feito”, continuou o rexedor municipal, “unido ao contexto económico actual, da lugar a que existan familias monfortinas que non dispoñen das posibilidades económicas mínimas para o pagamento desta factura enerxética. E como o acceso á enerxía é unha necesidade básica, dende o Equipo de Goberno, queremos contribuír con esta liña de axudas, a paliar ou minimizar estas dificultades nas familias veciñas economicamente máis vulnerables”.

Así, dende o Concello de Monforte de Lemos considerase necesario e convinte levar a cabo desenvolver esta medida de axudas específicas, que lles permitan ós veciños facer fronte ós gastos enerxéticos de xeito máis doado, coa finalidade de asegurar o acceso continuado á subministracións básicas de enerxía eléctrica, calefacción, auga quente sanitaria e de gas evitando o seu corte, tendo en conta o seu carácter esencial para previr situacións de risco de exclusión social.

O prazo para solicitar estas axudas permanecerá aberto dende o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo e ata o 23 de decembro de 2022. 

Obxecto das axudas e persoas beneficiarias

O Concello de Monforte de Lemos pon en marcha esta liña de prestacións destinadas a paliar situacións transitorias de necesidade social relacionadas co pagamento de subministracións básicas de enerxía eléctrica, gas, gasoil calefacción e outras fontes de enerxía da vivenda, das persoas e/ou familias que se atopen nunha situación de vulnerabilidade social que teñan a súa residencia no ámbito municipal de Monforte de Lemos, coa finalidade de asegurar o acceso continuado destas subministracións básicas promovendo a mellora da eficiencia enerxética e reforzando os procesos de inclusión social.

Poderán solicitar esta axudas as persoas ou unidades de convivencia residentes no Concello de Monforte de Lemos que os servizos sociais valoren que se atopan en situación ou risco de exclusión social que cumpran os requisitos de acceso establecidos no punto 5º e as condicións reguladas nas bases destas axudas.

Considérase como situación de risco de exclusión social aquela provocada pola ausencia ou insuficiencia de recursos económicos para afrontar as necesidades básicas da unidade familiar e no seu caso a concorrencia doutros factores que ponderados polos servizos sociais comunitarios condicionen negativa e/ou gravemente a inclusión social.

Así mesmo, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que viven no mesmo domicilio. A determinación dos membros da unidade de convivencia realizarase atendendo á situación existente no momento da solicitude e tendo en conta os datos que figuren no padrón municipal. 

Gastos subvencionables

Os gastos subvencionables a través destas axudas corresponderán á vivenda habitual do solicitante e atendendo a súa finalidade poderán ser os seguintes:

  1. Axudas para facer fronte ás facturas de electricidade que estean pendentes de pagamento na data da solicitude.
  2. Axudas para facer fronte ás facturas de gas natural pendentes de pagamento na data da solicitude ou para repor o gasoil para calefacción.
  3. Axudas para o subministro de gas para electrodomésticos de cociña, quentador e outro equipamento básico da vivenda para a mesma finalidade.
  4. Axudas para outras fontes de enerxía destinada á finalidade destas bases, previa valoración técnica dos servizos sociais.
  5. Axudas para facer fronte ás facturas de Instalación/ Reparación de caldeiras ou outros equipamentos que constitúan unha fonte de enerxía e que estean pendentes de pagamento na data de solicitude.

No caso das axudas para gas natural/gasoil destinadas ó mantemento do servizo de calefacción, atenderanse as solicitudes presentadas nos meses correspondentes á tempada de inverno.

Así mesmo, poderán ser obxecto das axudas os custos ocasionados para restablecer os subministros no caso en que se producise o corte destes. 

Requisitos

Poderán solicitar e ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou unidades de convivencia que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Ser maior de idade ou menor emancipado con menores a cargo.
  2. Que o solicitante ou unidade familiar independente solicitante estén empadroados e teñan residencia efectiva no termo municipal de Monforte de Lemos cunha antiguidade mínima e ininterrompida de 6 meses. Excepcionalmente, atendendo as circunstancias sociais do caso, poderase eximir do período mínimo de residencia segundo valoración técnica dos servizos sociais.
  3. Acreditar a situación de necesidade social pola que demanda a axuda orixinada pola insuficiencia de ingresos para afrontar os gastos derivados da situación que xustifica a solicitude de axuda.
  4. Ter fixada a súa residencia habitual na vivenda para a que solicita a axuda.
  5. Ser o titular do contrato da subministración eléctrica ou gas natural e que esté vixente na data de presentación de solicitudes. No caso de ser titular dun contrato de arrendamento, ser o pagador da correspondente factura de subministro da vivenda e non ter coa persoa arrendadora da vivenda alugada relación conxugal ou de parentesco ata o 3º grao nin constituír con aquél unión estable e de convivencia con análoga relación de afectividade conxugal.
  6. No caso de subministracións eléctricas e gas natural que teñan facturas impagadas.

Contía e límite da axuda

A contía das axudas determinarase en función do tipo de axuda e da valoración social realizada pola traballadora social de referencia da persoa solicitante e co limite que se establece a continuación:

Tipo de axuda Límite da axuda
1-Enerxía eléctrica Ata un máximo de 250€/ano.
2-Gas natural Ata un máximo de 250€/ano
3-Gasoil Ata un máximo de 500€/ano
3-Gas butano Ata un máximo 100 €/ano
4-Outras fontes de enerxía Ata un máximo de 350€/ano
5- Instalación / Reparación Ata un máximo de 500€/ano

 

 Con carácter xeral, establecese un máximo dunha solicitude de axuda do mesmo tipo ó ano por unidade de convivencia, agás os supostos en que, por razóns de grave necesidade, técnicamente valorada polos servizos sociais municipais se poida exceptuar esta disposición.

Nunha mesma solicitude poderase incluír varios tipos de axuda.

En todo caso, a determinación da contía económica correspondente a/s axuda/s solicitadas dentro dos límites sinalados no parágrafo primeiro, efectuarase segundo a adecuación da necesidade valorada e segundo as dispoñibilidades orzamentarias dispoñibles. 

Lugar e prazo presentación solicitudes

As persoas solicitantes presentarán o modelo normalizado que se inclúe no Anexo I acompañada dos documentos que se especifican no punto 9 das bases reguladoras dirixida ó Alcalde do Concello de Monforte de Lemos para a súa tramitación e resolución.

As solicitudes de axuda cubriranse a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica do Concello, https://sede.monfortedelemos.es e presentaranse preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar as solicitudes presencialmente en soporte papel no modelo normalizado no rexistro xeral do concello ou no existente no Centro de servizos sociais comunitarios ou en calquera das formas previstas na normativa reguladora do procedemento administrativo.

Excepcionalmente, naqueles casos en que a situación da persoa interesada o faga imprescindible, a persoa profesional de referencia dos servizos sociais comunitarios básicos poderá iniciar o procedemento de oficio mediante a emisión dun informe social na que recolla as circunstancias que motivan a solicitude, sen prexuízo de completar a solicitude e documentación con posterioridade.

O prazo de presentación de solicitudes será a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, e dicir, dende o xoves 27 de xaneiro e estará aberto ata o 23 de decembro de 2022.

Unha vez recibida a solicitude no caso de que non reunise os requisitos esixidos ou faltase calquera documento preceptivo que deba achegar a persoa solicitante, requirirase a esta para que nun prazo de dez días achegue os documentos requiridos ou emende a falta; no caso de non facelo teráselle por desistida da súa solicitude.

Na páxina web do Concello, na sección de Axudas, está toda a documentación dispoñible para formalizar a solicitude desta subvención municipal:

http://www.monfortedelemos.es/gl/axudas/

También te podría gustar...