Axudas á mobilidade, 1.143 universitarios beneficiados
- Un total de 1.143 universitarios benefícianse este curso das axudas á mobilidade da Consellería de Educación que completan as bolsas Erasmus estatais
- O departamento educativo da Xunta incrementou preto dun 8% a contía destinada este ano para tal fin, que pasou de 1,3 a 1,4 millóns de euros
- Do conxunto de beneficiados, os 696 alumnos con mellores expedientes académicos perciben outros 500 euros a maiores
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder 1.143 axudas a outros tantos universitarios e universitarias que están a estudar fóra de España dentro do Programa Comunitario de Mobilidade Erasmus Estudos, 49 máis que o curso pasado.
Para tal fin, o departamento educativo da Xunta habilitou este ano unha contía de 1,4 millóns de euros, o que supón un incremento do 7,7 por cento con respecto aos 1,3 millóns de euros da convocatoria do curso pasado. O listado de beneficiados se pode consultar no enderezo web http://www.edu.xunta.es/portal/node/18806 .
Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.
Os universitarios beneficiados percibirán bolsas que oscilan entre os 80 e os 150 euros/mes (que se suman ás axudas europeas e estatais), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os tres e os nove meses.
Ademais, a Consellería aposta por primar a excelencia no rendemento académico. E, nesta liña, os mellores expedientes reciben unha contía de 500 euros a maiores. Do conxunto dos beneficiados neste curso, un total de 696 estudantes recibiron esta axuda a maiores por posuír a mellor nota media no seu expediente (o ano pasado foron 550).
A mellor convocatoria do Estado
Cómpre lembrar que Galicia conta coa convocatoria máis equilibrada de axudas aos Erasmus de todo o Estado español, en termos cuantitativos e cualitativos, pola súa universalidade e excelencia. Así, pode presentarse a ela calquera estudante que posúa unha bolsa Erasmus Estudos, e todos os solicitantes que cumpran este requisito reciben un mínimo fixo de 80 euros mensuais. Ademais, esta convocatoria contempla axudas para estadías de ata 9 meses, complementando así as axudas estatais e europeas que limitan a bolsa a 5 meses.
Os beneficiarios
As bolsas van destinadas aos estudantes das universidade públicas galegas ou dos centros asociados da UNED da comunidade que realizan estudos oficiais conducentes a títulos de graduado, licenciado, arquitecto, enxeñeiro, diplomado, mestre, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico. Poderán optar aqueles que estean un mínimo de tres meses no país seleccionado, e que non se beneficiaran desta mesma axuda noutra ocasión anterior.
Estas accións son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral e de mobilidade para estudantes universitarios convocadas polo Ministerio de Educación e coas axudas que para este fin destina a Unión Europea, no marco do Programa de aprendizaxe permanente. Como accións complementarias que son, cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter estatal e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do Ministerio.