Axudas a familias con menores a cargo para gastos farmacéuticos

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria e a orde que regula a concesión de axudas a familias con menores a cargo para a compensación dos seus gastos farmacéuticos
  • O obxectivo da orde é o outorgamento de subvencións ás entidades locais para a xestión de achegas económicas ao cofinanciamento do 40% dos medicamentos
  • O importe desta convocatoria para 2016 e 2017 ascende a un total de tres millóns de euros, a razón de un millón e medio por anualidade
  • Os concellos interesados teñen un mes de prazo, a contar a partir de hoxe, para presentar as súas solicitudes

 

logo_DOGO Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou na súa edición de onte a convocatoria e as bases que regulan as subvencións que poderán desenvolver as corporacións locais para a posta en marcha do programa de axudas económicas a familias con menores a cargo para a compensación dos seus gastos farmacéuticos. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, abre así a partir de hoxe e durante un mes o período de presentación de solicitude para os concellos interesados en adherise a esta medida acordada coa Federación Galega de Municipios e Provincias e que forma parte da nova Axenda Social.

O obxecto desta orde é fixar as condicións polas que se determinará o outorgamento das subvencións ás entidades locais para o desenvolvemento desta medida, dirixida a familias con menores a cargo que estean empadroadas no seu termo municipal e que atravesen dificultades económicas. O programa consistirá na xestión de axudas económicas ao cofinanciamento do 40% dos medicamentos incluídos no Sistema Nacional de Saúde e prescritos a través de receita. A administración autonómica destina a esta convocatoria para os anos 2016 e 2017 un total de tres millóns de euros, a razón de un millón e medio por anualidade.

A contía máxima que cada entidade local poderá conceder aos destinatarios finais do programa será de 120 euros por persoa membro da unidade familiar e anualidade, establecéndose a posibilidade de superar este límite nos casos en que a situación do destinatario final o faga aconsellable, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe emitido polos servizos sociais comunitarios básicos.

O procedemento de concesión das axudas, segundo establece a orde recollida no DOG, tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva. Para os efectos de garantir unha distribución o máis equitativa posible dos recursos entre os distintos concellos que poidan participar nesta convocatoria, asignarase a cada entidade unha contía inicial en función do tramo de poboación no que se atope, de xeito que se asegura a posibilidade de que todos os concellos interesados poidan participar no programa.

También te podría gustar...