Axudas a concellos para desenvolver accións de promoción de produtos ourensáns
- O Inorde destina 50.000 euros
O Inorde destina 50.000 euros en axudas a concellos para cooperar con eles na promoción de produtos ourensáns. Así o recolle o Boletín da Provincia de Ourense do día 22 de xuño que publica a resolución desta convocatoria a través da cal o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico concede axudas aos municipios para a realización de accións de promoción correspondentes ao exercicio 2022.
Un ano máis o Inorde colabora cos concellos da provincia na celebración de actividades que poñan en valor os produtos do noso territorio e que avalan a excelencia dun dos recursos da nosa marca turística: o enogastronómico. Nesta ocasión, son 27 os municipios que se beneficiarán destas axudas, un máis que na edición pasada
, dixo o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.
No marco desta convocatoria, foron consideradas accións de promoción todas aquelas que teñan como obxectivo a difusión e posta en valor de produtos propios da provincia de Ourense. Entre as actividades beneficiadas destas axudas cabe destacar a Festa do Pulpo 2022 do Carballiño, declarada Festa de Interese Turístico Nacional ou a XLIII Festa do Pemento da Arnoia, a XXXI Festa da Vendima de Leiro, a XXV Festa do Pemento de Oímbra, a Feira do Viño do Ribeiro de Ribadavia, a XXVII Festa da Castaña e do Cogumelo de Riós, o Entroido 2022 coa súa Festa da Androlla de Viana do Bolo, a Festa do Peixe 2022 de Bande, a festa das Sopas do Burro Canso de Muíños; todas elas declaradas Festas Galegas de Interese Turístico.
O Inorde tamén colaborará coa XXXIII Festa do Cabrito de Vilariño de Conso; a Festa do Viño Novo 2022 da Teixeira, e a Bacofesta 2022 da Rúa, coas primeiras xornadas de Botelo e Cocido Valdeorrés do Barco de Valdeorras; a Feira da Pataca 2022 de Xinzo de Limia, Ruta dos Fornos 2022 de San Cristovo de Cea; a XI Festa Gastronómica do Cordeiro de Chandrexa de Queixa; a Campaña Feito en Allariz; a Festa da Carne 2022 de Montederramo; a promoción de produtos locais caldelaos de Castro Caldelas. A XVII Festa exaltación da Empanada de Forquellas e Carne Cachena da Serra do Quinxo de Entrimo; a V Festa do callos de Piñor; a ruta das bodegas, magosto, e festa da febra 2022 de Petín; a IX Festa da Pisa da Castaña e Feira de produtos locais de Parada de Sil; a XXIII a Festa do Callos limiaos de Lobios; a XV Feira do viño D.O. Monterrei de Verín; accións de promoción e posta en valor de produtos de Alta Montaña da Veiga; e a Xornada O Noso de Porqueira.