Axuda económica de 300 € ás familias con fillas e fillas nados na provincia de Ourense ao longo deste ano 2016
- A Deputación de Ourense destina 800.000 € para axudas ás familias con fillas e fillos nados na provincia en 2016
- A tarxeta «ChegOU» permitirá mercar en farmacias e parafarmacias ourensás produtos hixiénicos, alimentarios e de saúde para os bebés
- Esta medida forma parte do «1º Plan de Natalidade» que desenvolve o goberno provincial, promovido polo presidente Manuel Baltar, quen considera «unha prioridade na acción política levar a cabo iniciativas en favor do desenvolvemento demográfico da provincia de Ourense»
- A Deputación destinará a cada familia 300 €, sendo os beneficiarios os proxenitores ou adoptantes dun bebé nacido en 2016, debendo figurar empadroados nun concello da provincia de Ourense cunha antigüidade de aló menos 2 anos
A Deputación de Ourense outorgará unha axuda económica de 300 € ás familias con fillas e fillas nados na provincia de Ourense ao longo deste ano 2016. O goberno provincial ven de aprobar esta medida que se canalizará por medio da denominada tarxeta «ChegOU», que permitirá ás familias mercar en farmacias e parafarmacias ourensás produtos hixiénicos, alimentarios e de saúde para os bebés. A Deputación de Ourense destina un orzamento total de 800.000 € para esta iniciativa, sendo os beneficiarios os proxenitores ou adoptantes dun bebé nacido en 2016, debendo figurar empadroados nun concello da provincia de Ourense cunha antigüidade de aló menos 2 anos inmediatamente anterior á data do nacemento do menor que motiva a solicitude.
A medida forma parte do «1º Plan de Natalidade» que desenvolve o goberno provincial, promovido polo presidente Manuel Baltar, quen considera «unha prioridade na acción política levar a cabo iniciativas en favor do desenvolvemento demográfico da provincia de Ourense». Baltar, impulsor desta política de apoio á natalidade, afirma que o descenso do número de habitantes «é unha tendencia consolidada nas últimas décadas e as proxeccións futuras acreditan que o gran problema de Ourense é o demográfico», polo cal entende que urxe levar a cabo «unha actuación determinante da sociedade e sinaladamente das administracións públicas, pois estamos a falar dun tema que supera o horizonte temporal dunha lexislatura, para converterse nun eixo de actuación obrigado durante xeracións».
O presidente da Deputación explica que esta medida «forma parte do Plan de mandato Ourense 15-19 e é compatible con outras axudas que nesta liña de apoio á natalidade dispoñan administracións públicas como o Estado ou a Comunidade Autónoma de Galicia».
A Deputación de Ourense abrirá nas próximas semanas, unha vez publicada a información no Boletín Oficial da Provincia, esta convocatoria para a concesión das axudas á natalidade, as cales foron xa aprobadas pola Xunta de Goberno da Deputación. Trala apertura do prazo poderán comezar a tramitarse ao longo de todo o ano 2016, excepto no caso de que o nacemento do bebé teña lugar en decembro de 2016, para o cal, o prazo de solicitude ampliarase ata o 15 de xaneiro de 2017. As solicitudes deberanse presentar telematicamente, a través do enderezo http://natalidade.depourense.es no Rexistro Electrónico Xeral da Deputación de Ourense.
Os beneficiarios recibirán a súa tarxeta electrónica «ChegOU» da Deputación de Ourense para o seu uso en farmacias e parafarmacias para mercar produtos hixiénicos, alimentarios e de saúde, podendo realizar a compra durante o ano 2016, prazo durante o cal estará activa a dita tarxeta, coa excepción de que o nacemento teña lugar en decembro; neste caso a tarxeta manterase activa ata o 28 de febreiro de 2017.