Avogados de toda España debaten en Ourense sobre saúde e seguridade no ámbito penitenciario e políticas de reinserción
Máis de 150 avogados de toda España danse cita dende hoxe e ate o vindeiro sábado no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense nos “XVI Encontros estatais de servizos de orientación xurídica penitenciaria”, unhas xornadas, que contan con expertos en dereito penitenciario que analizan en relatorios, mesas redondas e debates os aspectos máis polémicos e de actualidade do dereito penitenciario, entre os que figuran temas como os malos tratos en prisión, saúde e traballo, medidas de seguridade e políticas de reinserción.
No acto de inauguración dos encontros participaron xunto a Manuel Baltar o presidente do Consello Xeral da Avogacía Española, Carlos Carnicer; a presidenta do Consello Xeral da Avogacía Galega, Nieves Santomé; o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o decano do Colexio de Avogados de Ourense, Arturo González.
Na miña condición de avogado –dixo Manuel Baltar- síntome moi honrado de que os consellos xerais da Avogacía Española e Galega elixiran Ourense como lugar para celebrar esta reunión convertendo esta cidade en capital nacional de reflexión sobre as cuestións de máis actualidade do dereito penitenciario e do dereito en xeral”, e agradeceu o labor da comisión organizadora, encabezada por Arturo González e polo Colexio de Avogados de Ourense.