Aumento dun 11% nas prazas dos campamentos de verán dirixidas aos menores tutelados pola Xunta
- A Xunta de Galicia aumenta nun 11% as prazas dos campamentos de verán dirixidas aos menores tutelados que ten ao seu cargo
- As directoras xerais de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e de Xuventude, Participación e Voluntariado mantiveron unha xuntanza con Agaceme e mais o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia
- Os menores tutelados ou en garda da Xunta verán aumentadas as súas prazas ata as 100 que existen na actualidade e aqueles que non accedan a estas prazas entrarán no sorteo xeral ao que concorren a totalidade dos menores
- A Xunta ofertará este ano arredor de 9.000 prazas cun investimento duns 2.600.000 euros que inclúen campamentos para menores de entre 9 e 17 anos, oferta concertada, así como campos de traballo e actividades para maiores de idade
- A Xunta conta, na actualidade, con 1.464 menores tutelados (dos cales 918 poderán acollerse a oferta dos campamentos) e 495 menores en garda (dos que 360 tamén poderán optar ás prazas dos campamentos)
As directoras xerais de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, e de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acordaron recentemente modificar as condicións de acceso ás prazas dos campamentos que a Consellería de Política Social pon a disposición tanto dos nenos e nenas como dos mozos e mozas de Galicia na campaña de verán organizada pola propia Dirección Xeral de Xuventude. Esta decisión foi tomada tras a reunión mantida cos representantes da Asociación Galega de Centros de Menores (Agaceme) e do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
A modificación das condicións de acceso a estas prazas vén a beneficiar ao colectivo dos menores tutelados ou en garda da Xunta de Galicia que verán aumentadas as súas prazas nun 11% pasando das 90 que había na anterior convocatoria ás 100 que existen na actualidade. Ademais, como novidade, os menores tutelados ou en garda que non accedan a algunha destas 100 prazas entrarán no sorteo xeral ao que concorren a totalidade dos menores.
Campamentos
Esta iniciativa está enmarcada na Campaña de Verán 2016, onde a Xunta de Galicia ofertará este ano arredor de 9.000 prazas cun investimento aproximado de 2.600.000 euros que inclúen campamentos para menores de entre 9 e 17 anos, oferta concertada, campos de traballo para maiores de idade, e actividades para maiores de 18 anos.
A duración dos campamentos varía segundo a idade dos participantes, e oscila entre os 8 e os 12 días. Ademais, contan con temáticas moi diversas para adaptarse a todos os gustos: actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización, expresión cultural, xogos tradicionais, deportes de multiaventura ou actividades de voluntariado.
Todos os participantes están en réxime de manutención en pensión completa, e inclúese o material necesario para cada actividade, que está dinamizada por un equipo técnico de monitores especialistas na xestión de ocio educativo. Nos campamentos disponse tamén de atención sanitaria de primeiros auxilios e os mozos e mozas están cubertos por un seguro de accidentes e responsabilidade civil.
Menores tutelados e en garda
Para a Xunta de Galicia é unha prioridade realizar unha atención integral a toda a infancia, e de xeito particular, aos menores que sofren unha situación de desprotección ou conflito social. O obxectivo da Consellería de Política Social é é previr situacións de desamparo; e no caso de que se produzan, actuar de maneira rápida e eficaz, garantindo en todo momento os dereitos do menor. Deste xeito, a partida orzamentaria destinada en 2016 a atención ao menor ascende a 26 millóns de euros, o que supón 1,5 millóns de euros máis que o exercicio pasado. Este aumento repercutirá de xeito positivo nas persoas máis desprotexidas a través de dedicar máis recursos económicas a medidas como o Programa de intervención familiar, o Programa Mentor ou os puntos de encontro familiar; así como a liña telefónica gratuíta de axuda á infancia 116 111 ou o Rexistro Unificado de Maltrato Infantil.
A Xunta de Galicia conta, na actualidade, con 1.464 menores tutelados (dos cales 918 poderán acollerse a oferta dos campamentos ao ser maiores de 9 anos) e 495 menores en garda (dos que 360 tamén poderán optar ás prazas dos campamentos da Dirección Xeral de Xuventude).