Aula forestal Os Trollos en Bóveda

A XUNTA E O CONCELLO DE BÓVEDA COLABORAN PARA QUE A AULA FORESTAL OS TROLLOS SEXA REFERENTE NO IMPULSO DE FRONDOSAS COMO O CASTIÑEIRO E DE APROVEITAMENTOS COMO OS COGOMELOS

  • O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal visitou a localidade lucense en compañía do alcalde
  • José Luis Chan avanzou que se definirán liñas de traballo concretas unha vez se aproben os plans estratéxicos das frondosas autóctonas e dos soutos de castiñeiro e da castaña, no marco dos obxectivos do Plan Forestal de Galicia 2021-2040
  • Engadiu que se redactará un proxecto para a recuperación do material de alto valor xenético existente na superficie do viveiro e para a mellora destas instalacións, xestionadas pola Consellería do Medio Rural

 

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, visitou -acompañado do alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, e do xefe territorial do Servizo de Montes de Lugo, Miguel Cela- a aula forestal Os Trollos, xestionada pola Consellería do Medio Rural. Alí, sinalou que a Xunta busca converter estas instalacións nun referente á hora de impulsar as frondosas autóctonas e os aproveitamentos non madeireiros, na provincia de Lugo en xeral e na Ribeira Sacra en particular.

Así o explicou José Luis Chan, que avanzou que unha vez se aproben os plans estratéxicos das frondosas autóctonas e dos soutos de castiñeiro e da castaña, no marco dos obxectivos fixados no Plan Forestal de Galicia 2021-2040, se definirán liñas concretas de traballo coa aula forestal Os Trollos, tanto orientadas á divulgación como á formación. Nesa dirección, tamén se incidirá no fomento das potencialidades que ofrecen os aproveitamentos non madeireiros, sobre todo os cogomelos.

Na visita, o director xeral tamén adiantou a redacción dun proxecto para a recuperación do material de alto valor xenético existente na superficie do viveiro e para a mellora das instalacións, que contan con 30 hectáreas concibidas para a realización de actividades de educación e divulgación dirixidas ao público en xeral, pero especialmente á xente nova.

Plan Forestal

Cabe lembrar que no marco da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia “Cara á neutralidade carbónica”, a Xunta comprométese ao incremento das masas de frondosas caducifolias, para que a superficie total ocupada por este tipo de especies acade as 425.000 hectáreas no ano 2040.

No caso do castiñeiro, prevese aprobar un plan estratéxico para a promoción dos soutos e da castaña. Nese senso, tamén se proxecta a recuperación de ata 8.000 ha de soutos tradicionais en produción mediante medidas de rehabilitación deica o ano 2040, a creación doutras 8.000 hectáreas de novas superficies de soutos para a produción principal de castaña e, por último, outras 8.000 ha de novos soutos para a produción de madeira.

También te podría gustar...