Atendidas as queixas en relación á estrada LU-P-1301

  • O Concello de Folgoso do Courel agradécelle á Deputación que atenda as queixas do conxunto da Corporación en relación á estrada LU-P-1301
  • A institución provincial rectifica a súa postura e intervén de novo na vía, ancheando algunha da súas curvas, tal e como lle pediron todos os grupos municipais
  • A actuación evidencia que as queixas da Corporación eran fundadas e non unha “estratexia política do equipo de Goberno” como manifestou a deputada Pilar García Porto

 

O Concello de Folgoso do Courel agradécelle á Deputación de Lugo que atenda as queixas que os tres grupos da Corporación trasladaron en relación coa execución das obras da estrada LU-P-1301 que comunica Pedrafita con Folgoso do Courel.

Así, tal e como se pode ver nas imaxes que se achegan, a Deputación Provincial de Lugo, decidiu intervir de novo na estrada, tras as queixas feitas públicas pola totalidade da Corporación do Concello de Folgoso do Courel. Nas fotografías podemos ver como decidiron anchear a curva para facilitar o tránsito dos vehículos e non deixala tal e como estaba, como fixeron na actuación inicial.

 

Esta nova intervención na estrada demostra que as queixas dos tres grupos municipais eran fundadas e non unha “estratexia política do equipo de Goberno” como sostivo a deputada socialista Pilar García Porto.

Desde o Concello de Folgoso do Courel agradecen esta rectificación, o que demostra que a actuación era manifestamente mellorable e que as obras non se estaban facendo ben, como así se denunciou por parte do PP, o PSOE e C@urel Vivo.

O Goberno local lamenta que non se fixera xa de partida unha obra decente e conforme ás necesidades que presentaba a vía e que o presidente se refira a saldar “unha débeda” co Courel cando á vista queda que optaron por facer “o mínimo posible”.

También te podría gustar...