Asociación europea de cidades históricas termais, a provincia de Ourense será membro

  • O comité executivo deste organismo, reunido en París, coa presenza de Mario Crecente, redactor do plan «Ourense, a provincia termal», ditaminou a aprobación da candidatura ourensá
  • Manuel Baltar afirma que este nomeamento «é un paso importante na senda de potenciar a «marca Ourense», como vimos facendo desde o goberno provincial nos ámbitos do turismo, o termalismo, a economía, o deporte e a cultura, cunha visión integral de provincia»

 

13405531615_22aa983738_bA provincia de Ourense será membro da Asociación europea de cidades históricas termais (EHTTA). Así o ditaminou o comité executivo de dito organismo na reunión que celebrou en París, na que participou Mario Crecente, redactor do plan «Ourense, a provincia termal», xuntanza na que se deu conta da aprobación da candidatura ourensá como membro asociado da EHTTA. O ingreso efectivo da provincia na asociación producirase na asemblea xeral, que terá lugar na cidade italiana de Salsomaggiore Terme entre os días 19 e 21 de outubro.

Os responsables da asociación felicitaron á Deputación de Ourense pola calidade do dossier e a rigorosidade da documentación presentada, na que se incluía un estudo en detalle dos valores históricos, termais, culturais e turísticos da provincia.

Ante esta destacada nova termal, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirma que este nomeamento «é un paso importante na senda de potenciar a «marca Ourense», como vimos facendo desde o goberno provincial nos ámbitos do turismo, o termalismo, a economía, o deporte e a cultura, cunha visión integral de provincia, na que destaca tamén que somos a capital da eurorrexion Galicia-Norte de Portugal». Baltar remarca que o termalismo «é unha singular vía de internacionalización para a provincia, como o ven de corroborar o feito de que Ourense será distinguida como a primeira provincia «Destino Turístico Intelixente». Neste sentido, subliña o presidente da Deputación que resulta «básico posicionar á nosa provincia aplicando a innovación na xestión do sector turístico, e promovendo á vez o emprendemento e a internacionalización para potenciar con ambición e optimismo as singularidades do noso territorio», como xa fixemos recentemente coa primeira misión USA-Ourense certificada polo Goberno dos Estados Unidos, ou mesmo ao ser convidados ao foro internacional de Curutiba (Brasil), onde expuxemos o noso proxecto de «Provincia Intelixente» xunto a territorios como Bos Aires ou Toronto». Asemade, o presidente lembra que a Deputación de Ourense forma parte de Partenalia, a asociación europea de gobernos locais intermedios, organismo do que Manuel Baltar é vicepresidente.

«Todo elo –explica Baltar- contribúe a posicionar Ourense nun plano internacional ata o de agora inédito, onde exhibimos as potencialidades da nosa provincia para que iso se traduza en competitividade, investimentos e creación de riqueza e emprego».

Ourense, entre os principais territorios termais de Europa

A adhesión a Asociación europea de cidades históricas termais enmárcase dentro das actuacións contempladas no plan «Ourense, a provincia termal», desenvolvendo unha das medidas concretas como é a participación en redes e establecemento de alianzas. Deste xeito, a provincia de Ourense entra a formar parte dunha rede na que xa están presentes 44 membros de 13 países, e na que se atopan cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia cidade de Ourense, como unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais.

Precisamente, no pasado pleno de abril a Corporación Provincial aprobou a adhesión da Deputación de Ourense á dita Asociación Europea de Cidades con Patrimonio Termal, manifestando a conformidade desta entidade cos compromisos e obrigas recollidos nos estatutos desta organización.

También te podría gustar...