Asinado un protocolo que solucionará os problemas de saneamento da parroquia de Velle
- O presidente da CH do Miño-Sil e o alcalde de Ourense asinan un protocolo de colaboración que solucionará os problemas de saneamento da parroquia de Velle
- Concello e Confederación Hidrográfica do Miño Sil traballan man a man para mellorar o saneamento e depuración das augas residuais e evitar así verquidos ao río
- O protocolo, asinado hoxe entre os responsables de ambas institucións, prevé un investimento total de 3 millóns de euros, asumidos ao 50%.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependiente do Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente, asinou hoxe o Protocolo de colaboración co Concello de Ourense para o financiamento e execución das obras ‘Mellora do saneamento e depuración de augas residuais en Velle.
Jesús Vázquez Abad, alcalde de Ourense, e Francisco Marín Muñoz, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, asinaron esta mañá un protocolo para a colaboración mutua no financiamento, posta a disposición dos terreos, execución das obras e entrega e mantemento das obras para a mellora do saneamento e depuración de augas na parroquia de Velle. O investimento total estimado para a actuación é de 3 millóns de euros, que serán asumidos ao 50% por ambas institucións.
A CHMS encargarase da redacción do proxecto, das expropiacións -coas correspondentes xestións administrativas para os terreos, bens e dereitos necesarios, non sendo os de titularidade municipal, que lle serán cedidos- e da obra, dirección e vixilancia da mesma. Igualmente, licitará, adxudicará e xestionará os contratos de obra e servizos.
O Concello, pola súa banda, recibirá a obra da man da CHMS e farase cargo da súa xestión, explotación (directa ou indirecta), mantemento e conservación como único responsable da infraestrutura.
Para o correcto desenvolvemento deste protocolo, constituirase unha comisión de seguimento composta por dous representantes de cada parte.
A rede de saneamento dunha parte da parroquia de Velle non está conectada ao sistema xeral de saneamento de Ourense. Posúe 4 fosas sépticas cuxo funcionamento é deficiente e provoca recorrentes verquidos ao río Miño e, por tanto, afecta á toma de auga potable da marxe esquerda. O acceso a estas fosas é complicado e, polo tanto, o seu mantemento tamén o é.
Estudaranse duas alternativas de solución, por unha banda, incorporar estas aguas a rede de saneamiento xeral, e por outra, a execución dunha infraestrutura de depuración de augas residuais que de cobertura para 600-1000habitantes equivalentes do nucleo de Velle. O organismo de bacia será o encargado de redactar o proxecto coa alternativa mais vantaxosa.
O Concello asume as competencias sobre medio ambiente urbano e tratamento de augas residuais, mentres que á CHMS correspóndelle a administración e vixilancia do dominio público hidráulico.
O alcalde, Jesús Vázquez, agradeceu expresamente a colaboración constante da Confederación Hidrográfica co Concello de Ourense en diversas actuacións nos últimos meses. Tamén lembrou que é unha obra longamente demandada, “hoxe damos un paso máis para seguir construindo Ourense entre todos coa colaboración das diferentes administracións, cunha etapa onde o entendemento da froitos para os nosos veciños e veciñas”.
Pola súa banda, o presidente da CHMS, Francisco Marín, explicou que existen 4 puntos de verquido en Velle cunha localización inaccesible, e onde non pode haber un correcto funcionamento da depuración, afectando máis de 600 veciños. Por ende, considera fundamental o protocolo asinado hoxe para o financiamento e execución das obras de mellora do saneamento e depuración de augas residuais da parroquia de Velle.