Así se financian, en tempos de pandemia e Xacobeo, artistas como Kiko Rivera
- O pinchadiscos fillo da Pantoja actuará o venres 24 na sala Baranda para poñer fin ao verán
- Imaxe destacada: Semana
A actuación enmárcase nun proxecto desta sala de concertos –Brnd con Xacobeo 2021– baixo o paraugas económico dun Plan de Reactivación do lecer nocturno da Xunta de Galicia.
Kiko Rivera, ‘artista’ chegado a tal por ser fillo de quen é e pola súa presenza continuada na prensa rosa española, foi anunciado este luns 20 de setembro como actuación estrela na Sala Baranda, coñecido pub e sala de concertos do Barco de Valdeorras.
Rivera será o protagonista dunha Festa fin de verán o vindeiro 24 de setembro ás 23.30 h.
Ás poucas horas de anunciar a venda de entradas anticipadas a 5 euros, aparecía na súa páxina de Facebook o cartel de ‘SOLD OUT’.
A Sala Baranda foi un dos establecementos beneficiados na adxudicación de subvencións de 20.000 euros dentro do Plan de reactivación do ocio nocturno da Xunta de Galicia. A liña extraordinaria de subvencións, dotada cun total de 800.000 euros, está destinada ao desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas de concertos no marco do Xacobeo 2021, e ten como finalidade achegarlles liquidez aos locais de música en vivo para afrontar os efectos do seu peche durante os pasados meses e poder retomar a actividade.