Así é a imaxe da «marca Ourense»
- A Deputación presenta a imaxe da «marca Ourense» para promocionar a provincia nos ámbitos turístico, cultural, económico e deportivo
- Manuel Baltar afirma que o logotipo representa «a Ourensanía, a identidade do noso territorio e da súas xentes», un símbolo que convida ao futuro «con positividade e optimismo, crendo nas potencialidades e singularidades que ten a nosa provincia»
Ourense conta desde hoxe cunha nova imaxe de «marca» que representa a Ourensanía, «un distintivo que pon en valor a identidade dun territorio e das súas xentes, e que convida ao futuro con positividade e optimismo, crendo nas potencialidades e singularidades que ten a nosa provincia». Así o expresou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación da «marca de Ourense», que tivo lugar no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», un acto que foi conducido polo xornalista ourensán Marco Rocha e no que tamén participou Silvia Fraga, directora de Stem Comunicación, deseñadora da campaña.
Manuel Baltar dixo que a «marca Ourense» representa a razón de ser do noso pobo, «un pobo traballador, creativo e emigrante, que é máis que un territorio, porque a Ourensanía non ten límites», e engadiu que o novo distintivo –que conforma un sorriso coas dúas primeiras letras da palabra Ourense- «reflicte o que supón construír Ourense en positivo, visualiza de forma rápida o concepto de Ourensanía, e reflexa a personalidade de todos os que cremos en Ourense, que cada día somos máis».
O presidente do goberno provincial afirmou que isto é «un paso máis no labor que estamos a desenvolver desde a Deputación de Ourense en favor da nosa cultura, da competitividade da nosa provincia e promovendo social, turística, económica e deportivamente o noso territorio».
«A «marca Ourense» significa un posicionamento global dentro dunha estratexia que hoxe en día se coñece como branding territorial, achegar á cidadanía unha imaxe positiva e próxima, como é esta que hoxe presentamos, que vai potenciar proxectos nos que estamos a traballar, como pode ser o Plan «Ourense, a provincia termal», que nos singulariza», destacou Manuel Baltar, subliñando «o aspecto de «linde internacional» que temos con Portugal e tamén a proxección que o noso territorio ten noutros lugares do mundo, onde fumos convidados, como aconteceu en Curitiba (Brasil), para analizar estratexias de xestión e innovación xunto con territorios como Bos Aires e Toronto».
Baltar, quen tivo palabras de agradecemento para Luis González Tosar, «como pai do concepto Ourensanía», definiu a Ourense como un territorio con historia, potencialidades e atractivos singulares, «proba do cal é o peso que temos acadado en organismo como a FEMP, e Partenalia, a Asociación Europea de Gobernos Locais Intermedios, e que recentemente foi escenario da primeira misión comercial avalada polo Goberno dos Estados Unidos».
«Ourense ten innumerables razóns para sentir orgullo, e agora temos unha imaxe que nos identifica, un símbolo que é a visualización da provincia na que cremos, unha provincia de futuro, en positivo, que nos últimos anos se ten constituído en referente en ámbitos como o da participación cidadá, a cultura, o deporte, o medio ambiente e a innovación», concluíu o presidente provincial.
Pola súa banda, Marco Rocha destacou a importancia «de ser e sentirmos ourensáns aló onde esteamos, levando con orgullo a lembranza da terra á que pertencemos», e Silvia Fraga explicou que o desenvolvemento da imaxe da «marca Ourense» «tiña xa moito camiño andado pois a Ourensanía é algo que xa existe, e como creadores de marca o que fixemos foi darlle forma a ese sentimento». A creativa comentou que as cores do logotipo (laranxa, azul, morado, verde e branco) «representan a terra, os ríos a auga e o termalismo de Ourense, unidos ao símbolo espiritual e de tradición desta provincia e tamén á natureza e a neve».
«O importante agora –expresou Silvia Fraga- é que os cidadáns fagan súa esta imaxe e que co tempo se vaia construíndo e fortalecendo, porque a estratexia, a creatividade e a visión son os tres elementos que fan a «marca» dun territorio.
Como reflicte o espazo web no que se resume a nova imaxe da «marca Ourense» (www.ourensania.gal), a Ourensanía é unha forma de vivir e de facer dun pobo, o ourensán. O obxectivo da marca Ourensanía é promover un sentimento de orgullo e pertenza, darlle visibilidade aos seus principios e converterse nunha ferramenta ao servizo das diferentes institucións, entidades, empresas e cidadáns.
A creación da marca de Ourensanía responde á necesidade de promover a imaxe do territorio ourensán a través dos seus valores. A Ourensanía, entendida como unha forma de vivir e facer, constitúe un activo identitario en si mesma no eido socioeconómico e cultural. A marca, polo tanto, pon en valor as propiedades da Ourensanía a través dun distintivo gráfico atractivo e potente. O obxectivo é dotar ás empresas, institucións e cidadáns dunha ferramenta capaz de darlles visibilidade en calquera eido.
Créase, polo tanto, un símbolo a partir do identificativo ourensán (OU) que evoluciona como unha unión/fusión dos elementos que representan á Ourensanía e os seus valores. Unha «O» que suxire un círculo harmonioso no que todos caben, participan, colaboran e cooperan. Nela, a U representa unha aldaba, un chamador, o elemento nas portas á man de todos, a ferramenta que expresa a vontade de entrar, e que ao mesmo tempo adquire a forma da mellor carta de presentación: a dun sorriso («smiley») que evidencia simpatía, amabilidade, benvida, apertura e ledicia.