«As obras van a bo ritmo e está previsto que estean finalizadas no prazo dun mes”
- O Concello de Sober avanza nos traballos da rede de saneamento e depuración de augas en Suairexa-Neiras e Arxemil
- As obras, financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación de 2019, van a bo ritmo e está previsto que estean finalizadas no prazo dun mes
- O Concello dispón xa dos proxectos para dar continuidade a ambas as redes
O Concello de Sober avanza nos traballos da rede de saneamento e depuración de augas en Suairexa-Neiras e Arxemil. “As obras van a bo ritmo e está previsto que estean finalizadas no prazo dun mes”, explica o alcalde, Luis Fernández Guitián.
O proxecto de Suairexa contempla a instalación da depuradora e o enganche dende todas as vivendas do lugar coa rede de saneamento. No caso de Arxemil, as actuacións forman parte dunha primeira fase, que ademais da colocación da depuradora, prevé o enganche á rede para os lugares de A Boca e Os Navas.
O alcalde adianta que “o Concello de Sober dispón xa dos proxectos para dar continuidade a ambas as redes”. No caso de Neiras verterá á mesma depuradora o saneamento do lugar de O Ventorrillo e, no caso de Arxemil, a rede continuará coa conexión dos lugares de O Toxedo, Arxemil, O Couto, A Barreira, Vixilde e Camilo.
As actuacións en marcha contan cun orzamento de preto de 200.000 euros e son financiadas con cargo o Plan Único da Deputación de 2019.