As microempresas galegas superan á media estatal no uso das redes sociais e de servizos electrónicos coa Administración
O 35,2% das microempresas galegas e o 38,5% das grandes empresas con actividade en Galicia empregan as redes sociais, en ambos casos superan a media estatal. As empresas galegas superan ao conxunto do estado no uso de servizos online coa administración.
Galicia conta con 205.519 empresas; das que o 95,8% son microempresas (con menos de 10 traballadores). As tres cuartas partes do tecido empresarial galego está distribuído no Eixo Atlántico dado que o 74,2% das empresas galegas se sitúan nas provincias da Coruña e Pontevedra (40,9% na Coruña e 33,3% en Pontevedra).
Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2014, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Este informe elaborouse no marco do convenio asinado entre a Amtega,o IGE e o INE.
As microempresas incrementan a súa visibilidade a través da web e das redes sociais
O informe destaca que a porcentaxe de empresas galegas que utilizan as redes sociais se incrementou 8,8 puntos no caso das microempresas e en 9,4 puntos para as empresas de 10 e máis traballadores con actividade en Galicia.
Ademais os blogs de empresas ou microblogs, están especialmente estendidos nas empresas máis grandes con actividade en Galicia (43,5%) e contan con importante presenza nas microempresas (26,6%).
Tres de cada catro empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia dispoñen de páxina web. Nas microempresas, esta proporción descende a unha de cada tres, aínda que creceron 5.1 puntos fronte ao 3.5 da media estatal. No caso das grandes empresas que teñen actividade en Galicia, esta porcentaxe subiu 6,8 puntos, converxendo coa conxunto do Estado.
Uso da eAdministración
Nove de cada dez empresas de 10 ou máis empregados interactúan coas Administracións Públicas a través de Internet, ademais o valor deste indicador para as microempresas é significativamente elevado, xa que dúas de cada tres fan xestións coa Administración a través da Rede. O indicador continúa coa progresión positiva, situándose por riba da media estatal.
Tres de cada catro empresas galegas de 10 ou máis traballadores con conexión a Internet realizan declaracións de impostos a través da Rede, experimentando un crecemento de 7 puntos no último anos. No caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 40,5%.
Outra das xestións telemáticas máis frecuentes coas Administracións son as declaracións de contribucións á Seguridade Social. Este tipo de trámite foi realizado por máis da metade das empresas de máis de 10 empregados mentres que a porcentaxe redúcese máis da metade entre as microempresas galegas. Novamente, rexístrase un incremento significativo deste trámite entre as grandes empresas con incrementos superiores aos 10 puntos.