As medidas adoptadas pola Xunta e as universidades garanten a viabilidade do SUG e o acceso aos estudos superiores en igualdade de condicións
A Xunta de Galicia garante a viabilidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) grazas ás medidas adoptadas nos últimos anos que permitiron racionalizar o mapa de titulacións ofertadas e blindar os ingresos das tres universidades públicas a través da negociación dun Plan de Financiamento para o período 2011-2015. Este plan, que acadou o consenso do Consello Galego de Universidades e que se cumpriu estritamente ano a ano permitiu ás universidades públicas – malia o complicado contorno socioeconómico- manter o seu papel de servizo público nunhas condicións de calidade, eficacia e eficiencia, grazas a inclusión da filosofía do financiamento por resultados que propicia a mellora destas institucións. De feito, a galega é a segunda administración autonómica que menos reduciu a súa achega ás universidades públicas, e está xa a traballar coa USC, UVigo e UDC nun novo Plan de Financiamento para o seguinte quinquenio que, ao igual ca o vixente, blinde a estabilidade do SUG.
A sustentabilidade do SUG nestes últimos 5 anos foi, ademais, acompañada dunha forte política de bolsas e contención de prezos públicos que permitiron a Galicia manterse como a Comunidade Autónoma coas taxas máis baixas para a matriculación na Universidade, de tal forma que se vela pola igualdade de acceso en igualdade de condicións aos estudos superiores. Neste sentido cómpre sinalar ademais que as taxas establecidas en Galicia baséanse – tal e como esixía o Ministerio- no cálculo dunha porcentaxe sobre o custo real da impartición da titulación por alumno para a universidade, polo tanto pode considerarse un prezo público responsable para facer fronte á sustentabilidade do SUG.
A maiores, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten incrementado desde 2009 nun 51% a contía da convocatoria de axudas por causas sobrevidas, unhas bolsas de marcado carácter social creadas por este Goberno. Non en balde a Xunta de Galicia é a Administración autonómica que ten demostrado máis o seu traballo en prol da igualdade de oportunidade aos estudos superiores, en concreto á Universidade. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería convoca anualmente unha liña de xudas para o inicio e continuación de estudos, para que o 100% do alumnado que –contando cunha nota de polo menos 5– non cumpra os requisitos da convocatoria do Ministerio; e que este Goberno creou unha liña específica de axudas creada o curso pasado para o inicio de estudos de máster dirixidas a persoas en situación de desemprego.
Xa no plano docente, a aprobación dun marco normativo encabezado pola Lei 6/2013 do SUG e o Decreto 222/2011 que contemplan a racionalización do sistema foron outras das medidas postas en marcha polo Goberno galego en prol do futuro do SUG, baseadas en principios como o equilibrio territorial reforzando os campus non centrais, a especialización dos sete campus galegos, a non duplicidade na oferta de titulacións ou a racionalización do mapa de titulacións galego promovendo a colaboración mediante títulos interuniversitarios e co uso das novas tecnoloxías.