As II Xornadas sobre a conservación en castros reunirán en Lugo este fin de semana a un centenar de investigadores e arqueólogos do noroeste peninsular
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza esta fin de semana en Lugo as II Xornadas sobre a conservación en castros do Noroeste peninsular, que reunirán a arredor dun centenar de arqueólogos, restauradores, investigadores e estudantes da materia.
O Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga programou esta iniciativa como complemento ás obras de acondicionamento e consolidación arqueolóxica que a consellería está a desenvolver nese xacemento, traballos nos que inviste 72.000 euros. Deste xeito, aprovéitase unha intervención que está en marcha como escusa e como marco para analizar o estado actual e as perspectivas de futuro dos proxectos de investigación e recuperación dos castros.
Na organización das xornadas colaboran a vicerreitoría do Campus e a Facultade de Humanidades de Lugo, así como a empresa BIC Materiales y Conservación, que está a executar as obras de consolidación en Viladonga.
Participarán expertos procedentes de distintos puntos de Galicia, Asturias, León e Portugal, que explicarán as actuacións realizadas en diversos xacementos, destinadas á escavación, restauración, conservación ou difusión e posta en valor dos castros.
Así, a primeira sesión terá lugar o venres na Casa do Saber, a sede da Vicerreitoría, na que arqueólogos, restauradores e conservadores relatarán as súas experiencias nos castros galegos, do occidente asturiano, da montaña leonesa ou no Monte Mozinho e o noroeste de Portugal.
O sábado día 13 os participantes realizarán unha visita guiada ao castro de Castromaior, en Portomarín, e outros xacementos da contorna. Por último, o luns día 15 o castro de Viladonga acollerá una sesión práctica, que incluirá a elaboración de morteiro e descrición in situ das técnicas de drenaxes e protección dos muros. Xa pola tarde, a xornadas concluirán cunha mesa de debate.