As familias galegas que teñan un segundo fillo poderanse beneficiar de ata 9.100 euros ao ano en deducións fiscais, e de case 12.000 euros se é o terceiro fillo

Muñoz Fonteriz no Parlamento de Galicia

 

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, avanzou hoxe que dende 2015 as familias galegas que teñan un segundo fillo poderanse beneficiar de ata 9.100 euros en deducións fiscais, unha cantidade que chegará ata os 12.000 euros en caso de ter un terceiro fillo.

Muñoz Fonteriz presentou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para o ano 2015, unha norma que complementa o proxecto de Lei de Orzamentos, que actualmente tamén se atopa en tramitación parlamentaria.

Na súa intervención, explicou que esta lei inclúe medidas fiscais como o incremento das deducións para impulsar a innovación, para fomentar a utilización das enerxías renovables e para favorecer a natalidade, que converterán Galicia na comunidade con máis axudas por nacemento de fillos.

As bonificacións pasan de 360 euros a 1.200 e 2.400 euros, segundo se trate do segundo ou terceiro fillo, e prolongaranse durante tres anos dende o nacemento do neno. Estas deducións, sumadas ás do Estado, fan que a bonificación total para unha familia que teña o segundo fillo chegue ata os 9.100 euros ao ano, e case 12.000 euros de ser o terceiro fillo.

O Goberno galego tamén aprobará a devolución do 100% do tramo autonómico do Imposto sobre Hidrocarburos para os transportistas profesionais. Esta medida permitirá mellorar a competitividade do sector do transporte, toda vez que pasarán a ter a tributación efectiva máis baixa dende o ano 2004. Ademais, a Xunta seguirá mantendo o ‘tipo 0’ para o gasóleo do sector primario (agrícola ou pesqueiro) e para o combustible de calefacción.

Outra das medidas fiscais é a creación dun imposto compensatorio ambiental mineiro, que se configura como un tributo propio da Comunidade Autónoma. Este imposto terá un carácter medioambiental, sen afán recadatorio e co obxectivo de compensar as externalidades negativas xeradas polas actividades de extracción.

 

También te podría gustar...