As deputacións de Ourense, Castellón, Girona e Zaragona constitúen o “Foro Interprovincial de Innovación”
- O obxectivo é manter unha canle continua de comunicación para favorecer a transferencia de experiencias e coñecemento entre persoas e institucións a prol da modernización dos servizos que prestan os gobernos locais intermedios
- O “Foro de Innovación dos Gobernos Locais”, celebrado onte en Madrid, destacou á Deputación de Ourense polas súas “solucións administrativas”
- Manuel Baltar foi convidado a presentar o seu modelo de “Provincia Intelixente”, no que se promove o traballo en rede do goberno provincial cos concellos e cidadáns da provincia
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou onte en Madrid no «Foro de Innovación dos Gobernos Locais», evento que destacou á Deputación de Ourense polas súas solucións administrativas no eido tecnolóxico e de traballo en rede cos concellos e cidadáns da provincia en materia de servizos sociais, infraestruturas, cultura e xestión económica.
No marco deste encontro, as deputacións de Ourense, Castellón, Girona e Zaragoza acordaron constituír o «Foro Interprovincial de Innvoación», un ente que ten como obxectivo manter unha canle continua para favorecer a transferencia de experiencias e coñecemento entre persoas e institucións a prol da modernización dos servizos que prestan os gobernos locais intermedios.
Neste sentido, Manuel Baltar asinou cos seus homólogos provinciais un documento no que se pide ampliar a colaboración a outras administracións públicas e a entidades como a FEMP, Partenalia ou a Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI), para, entre todos, «compartir coñecemento nos temas relacionados coa innovación, a tecnoloxía e a administración electrónica», afirma Manuel Baltar.
O Foro Interprovincial de Innovación contará co Club de Innvoación e Espublico como colaboradores estratéxicos, e impulsará a adhesión doutros gobernos locais intermedios para que a transferencia de experiencias e compartición de coñecemento entre persoas e institucións «non se interrompa senón que se manteña de modo permanente ao longo de todo o ano, máis aló dos eventos que se organicen», explicou Manuel Baltar.
Máis de 50 institucións
Manuel Baltar foi convidado a intervir diante de máis de 50 institucións que debaten e poñen en común experiencias de éxito, tanto práctico como conceptual, nas áreas e servizos relacionados coa innovación, a e-administración, a tecnoloxía e o asesoramento a municipios.
O obxectivo é afondar nas áreas mencionadas debatendo sobre os retos de futuro das administracións provinciais e o seu papel de promoción e apoio da modernización dos seus servizos, transferencia tecnolóxica e marco legal.
A iniciativa de «provincia intelixente», denominación coa que Manuel Baltar definiu un traballo conxunto no ámbito da innovación tecnolóxica a prol dos 92 concellos da provincia de Ourense, suscitou interese e un importante debate entre técnicos e representantes institucionais reunidos no foro, «polo que supón de innovación e xestión supramunicipal en rede de servizos». Manuel Baltar destacou que traballamos na liña de situar a cada concello na vangarda tecnolóxica no que á xestión administrativa se refire «porque non importa o número de persoas que resida en cada municipio senón o territorio, xa que todas as veciñas e veciños de calquera lugar da nosa provincia teñen o mesmo dereito a recibir os mesmos servizos coa máxima eficacia e excelencia na prestación, e para elo o concepto de «provincia intelixente» significa desenvolver iniciativas innovadoras na administración pública aplicadas ás xestións dos concellos e dos cidadáns para facilitarlles os trámites e para achegarlles solucións innovadoras aos seus problemas e necesidades».
Manuel expuxo o seu modelo de xestión para a provincia de Ourense, nun relatorio previo á clausura do foro, xunto aos seus homólogos de Castellón, Javier Moliner, e de Girona, Per Vila. Os tres analizaron a estratexia política e os plans de actuación dos gobernos provinciais de Ourense, Castellón e Girona no ámbito da innovación na prestación de servizos aos cidadáns.
Baltar dixo que na liña de posicionamento da Deputación de Ourense, que leva a ser recoñecido seu papel innovador no ámbito da xestión «consideramos de gran relevancia para a cidadanía as iniciativas de innovación administrativa que temos implementado nos últimos anos», entre as que citou a Carta de Servizos da Deputación de Ourense, o Debate sobre o Estado da Provincia, a aprobación no me de setembro dos orzamentos do ano seguinte, o Código Ético, a Ordenanza de Transparencia, a aposta pola política, a formación dos cargos públicos locais ou a retransmisión de actos a través da web institucional, «toda unha serie de ferramentas e actuacións que nos sitúan á vangarda dos gobernos provinciais, marcando en moitos temas a pauta a seguir nas provincias do futuro».
No foro, que se celebra no Instituto Nacional de Administración Pública de Madrid, o presidente do goberno provincial explicou que o modelo de xestión para a provincia de Ourense baséase nos plans de estratexia operativa Ourense 92 e Plan 15-19 que o goberno provincial desenvolve no ámbito da innovación e da xestión pública. A estrataxia de posicionamento da «marca Ourense«; á promoción das singularidades da provincia; un modelo de xestión pública baseado en iniciativas innovadoras e participativas, que facilitan a relación administración-cidadán; a cooperación público-privada, e a transparencia como liña institucional básica, centraron os temas da intervención de Manuel Baltar.