‘As compras na túa vila teñen premio’ dinamizará as vendas do comercio ourensán premiando a confianza dos seus clientes
‘As compras na túa vila teñen premio’ dinamizará as vendas do comercio ourensán premiando a confianza dos seus clientes.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na presentación da iniciativa de dinamización comercial As compras na túa vila teñen premio, unha campaña posta en marcha pola Federación Galega de Comercio e a Federación de Comercio de Ourense coa colaboración da Consellería de Economía e Industria que ten por obxectivo poñer en valor o comercio de proximidade e impulsar as vendas premiando a confianza dos clientes, sorteando entre os participantes tarxetas de compra por un total de 4.000 euros.
Nos días de duración da campaña, que conta coa colaboración das asociacións de comerciantes da cidade e que se desenvolverá ata o 2 de outubro, deberán presentar os seus tíckets de compra na carpa situada na Rúa do Paseo ou ás promotoras que se atoparán polas rúas da cidade, que lles entregarán boletos de participación para o sorteo final que terá lugar o xoves, 2 de outubro, dentro do programa dunha festa de peche que contará con actuacións para nenos e adultos.
Neste acto, que se celebrará ese día ás 20 horas, sortearanse 5 tarxetas regalo de 300 euros e outras 25 por valor de 100 euros, e os posuidores dos boletos deberán estar presentes para converterse en gañadores.
As compras na túa vila teñen premio chega na súa sétima edición, que se desenvolverá ata o mes de outubro, a cinco localidades galegas. O apoio a esta iniciativa forma parte do acordo de colaboración mediante o cal a Consellería de Economía e Industria coopera un ano máis coa Federación Galega de Comercio impulsando o importante labor desta entidade. O acordo enmárcase na estratexia da Xunta de impulso á competitividade do sector, na que o apoio ao asociacionismo comercial é un eixo estratéxico.