As comisións informativas abordarán o Plan especial de cooperación ás obras e servizos do Concello de Ourense

1Fachada DeputacinAs comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións hoxe mércores e mañá no Pazo Provincial, xuntanzas nas que analizarán temas de transparencia, cooperación, infraestruturas e economía. En concreto, entre os asuntos figuran o Plan especial de cooperación ás obras e servizos do Concello de Ourense (2015-2016), a modificación do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2015 no relativo ao Concello de Lobios, a dación de conta da sentencia n.º 410/2015 que dá a razón á Deputación de Ourense no asunto coñecido como “caso depuradoras”, o cese de César Fernández e o nomeamento de Aurelio Gómez Villar como asesor de política cultural da presidencia, a modificación das tarifas no aparcadoiro anexo ao CHUOU.

Mañá, xoves, constitúense as comisións de Cultura, Termalismo e Igualdade. En concreto, na de Igualdade darase conta dos informes emitidos polos servizos xurídicos da Deputación en relación coa liquidación do Consorcio Galego de Servizos Sociais e a constitución da Axencia Galega de Servizos Sociais.

As comisións informativas xa serán presididas polos responsables elixidos nas comisións anteriores delegando as presidencias da comisión de Transparencia e Administración Provincial en Jorge Pumar Tesouro; a comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural en Pablo Pérez Pérez; a comisión de Igualdade, Benestar e Emprego, en María Teresa Cerdeira Valiñas; a comisión de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente en Ana María Villarino Pardo; a comisión de Cultura, Deportes e Mocidade en Manuel Doval Soto; a comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía en Francisco José Fraga Civeira.

Hoxe, na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordarase o Plan especial de cooperación ás obras e servizos do Concello de Ourense (2015-2016). O Plan cofinanciarase na súa integridade pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense, sendo a achega total do ente provincial para o Plan de 100.000 euros, 14.285,71 euros para cada unha das obras que serían: a rehabilitación da pasarela peonil sobre o río Barbaña, o acondicionamento e renovación do firme na Praza Eiroas e rúa do Pazo, a rede de abastecemento A Besada-Santa Mariña, a humanización na rúa Concejo, a humanización na Canella do Barbaña-Pozo do Inferno, a instalación eléctrica de BT para videovixilancia no Polígono empresarial de Seixalbo e a rehabilitación de firme e adecuación de accesibilidade da rúa do Mercado.

Outro dos temas a tratar na comisión de Cooperación será a modificación do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2015 no relativo ao Concello de Lobios, incorporando ó plan principal a obra de mellora no depósito do abastecemento de Os Baños en Riocaldo, construción de local anexo para almacén de equipamento deportivo, construción de muro e beirarrúas no Concello de Lobios, en substitución da obra n.º 46/POS/2015 denominada “Reparación de levadas e construción de muro e beirarrúas no Concello de Lobios”. Asemade, na reunión darase conta do acordo da Xunta de Goberno relativo á expropiación forzosa para a execución da obra de mellora da estrada provincial OU-1201 Bande-Barxés, n.º 218/PB/2015, no Concello de Bande.

No que respecta á comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía darase conta da sentencia n.º 410/2015, do 30 de setembro, da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid polo que, o alto tribunal estima o recurso do goberno provincial contra a resolución do Ministerio de Facenda que reclamaba á Deputación a devolución dos fondos europeos destinados a este proxecto, segundo ditaminara a OLAF, en total 10.123.053,03 euros. Desta maneira, a Xustiza sentencia que a Deputación de Ourense non terá que reintegrar euro algún e anúlase a resolución da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda de data 30 de xuño de 2014, “por entender que prescribiu a acción de reintegro que deu lugar á resolución que se impugna”. Asemade, o TSXM ditamina que non procede facer declaración de costas. Nesta reunión tamén se abordará a modificación das tarifas do servizo de aparcamento en rotación horaria da concesión do aparcadoiro anexo ao Hospital Santa María Nai (CHUOU).

Na comisión de Transparencia e Administración Provincial darase conta do cese de César Fernández Gil con efectos do 13 de outubro e do nomeamento, na súa substitución, de Aurelio Gómez Villar como asesor de política cultural da presidencia.

 

 

También te podría gustar...