As comisións de traballo da FEMP contaron con gran presenza de Ourense
- 20 representantes institucionais da provincia foron elixidos para formar parte de 18 comisións, dun total de 26, o que supón unha participación ourensá dun 70% nestes órganos da FEMP
A provincia de Ourense destaca pola súa importante presenza nas Comisións de Traballo 2015-2019 da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que designou aos seus representantes nestes órganos de coordinación e xestión do municipalismo, que analizan temas como comercio, cooperación, cultura, deportes, educación, igualdade, participación cidadá, saúde pública e seguridade, entre outros. Un total de 20 representantes institucionais da provincia de Ourense foron elixidos para formar parte de 18 comisións, dun total de 26, o que supón unha participación ourensá do 70 % nestes órganos da FEMP.
Ademais, diso o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen onte participou en Madrid na reunión da Xunta de Goberno da FEMP, é membro do Consello Territorial da FEMP e do Consello Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos, organismo que representa no ámbito mundial aos gobernos locais autónomos e ten como obxectivo promover a cooperación e apoio a municipios e gobernos locais; e tamén é membro da Comisión Nacional de Administración Local, encargada de emitir informes sobre anteproxectos de Lei en materia de administración e facendas locais, orzamentos e transferencias do Estado.
Manuel Baltar valorou «moi positivamente» a ampla participación da provincia de Ourense nas comisións de traballo da FEMP, «o que permitirá dar un pulo a aspectos notables da nosa economía e impulsar nos concellos ourensáns proxectos de competitividade e desenvolvemento social», subliña o presidente provincial.
Na reunión de hoxe ratificáronse as designacións dos alcaldes e representantes institucionais que integran cada unha das comisións de traballo, correspondendo á provincia de Ourense a representación nas seguintes comisións de traballo:
– Consumo e Comercio: Juan Antonio Martínez, alcalde de Verea.
– Cooperación ao Desenvolvemento: Manuel Velo, alcalde da Merca.
– Cultura: José Luis Ferro, alcalde de Celanova.
– Despoboamento: Miguel Cid, alcalde da Teixeira.
– Deportes, Xuventude e Ocio: Juan Anta, alcalde da Veiga.
– Deputacións provinciais, Cabildos e Consellos Insulares: Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense.
– Educación: Gabriel Alén, alcalde de Cenlle.
– Función Pública e Recursos Humanos: Rafael Villarino, alcalde de Amoeiro, e Plácido Álvarez, alcalde de Muíños.
– Igualdade: Susana Vázquez, alcaldesa de Porqueira.
– Integración e Cohesión Social: María del Carmen González, alcaldesa de Carballeda de Valdeorras.
– Mancomunidades: José Antonio Pérez Cortés, alcalde de Quintela de Leirado.
– Modernización, Participación Cidadá e Calidade: Jesús Vázquez, alcalde de Ourense.
– Movilidade e Accesibilidade: José Luis González, alcalde de Piñor.
– Patrimonio Histórico-Cultural: José César Parente, alcalde de Nogueira de Ramuín, e Francisco Fumega, alcalde do Carballiño.
– Relacións Internacionáis: Carmen Leyte, alcaldesa de Cartelle.
– Saúde Pública: Rodrigo Aparicio, alcalde de Arnoia.
– Seguridade e Convivencia Cidadá: Avelino de Francisco, alcalde de Cortegada.
– Sociedade da Información e Novas Tecnoloxías: Miguel Bautista, alcalde de Petín.
Na Xunta de Goberno da FEMP celebrada onte destaca tamén a aprobación do convenio entre a FEMP e o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) para a realización do Programa estatal de circulación de espectáculos de artes escénicas en espazos das entidades locais, «Platea», durante 2016. O importe total do convenio ascende a cinco millóns de euros, e o número de recintos escénicos que abrangue en todo o país é de 858, a maior parte de titularidade municipal. Como novidade dentro deste acordo prevese organizar unha acción formativa dirixida especificamente aos responsables dos espazos escénicos locais, formación que abordará aspectos referidos á xestión e programación dos mesmos con criterios de excelencia.