Arredor de 60.000 alumnas e alumnos poderán beneficiarse das axudas de 50 euros á compra de material escolar que convoca hoxe a Consellería de Cultura e Educación
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde de convocatoria das axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2015/16. A contía desta, 3 millóns de euros, facilitará que arredor de 60.000 alumnas e alumnos poidan beneficiarse destas bolsas, que teñen como obxectivo axudar ás familias que máis o precisan co inicio do curso. Non en balde, cómpre lembrar que esta nova política social vai dirixida a familias cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros
A partir de mañá as nais e pais poderán solicitar a axuda no centro no que estean escolarizados os seus fillos onde, unha vez constatado o cumprimento dos requisitos, se lles facilitará un vale de 50 euros por neno que poderán consumir nos establecementos adheridos ao programa é o 31 de outubro de 2015. Estas bolsas serán complementarias ao uso do fondo público de libros de texto ou ás axudas á adquisición de libros de texto, segundo sexa o caso.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá día 2, e iranse tramitando a medida que se vaian presentando, co fin de emitir canto antes e no menor tempo posible os vales. Os requisitos poden consultarse no DOG, no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150901/AnuncioG0164-240815-0002_gl.html .