Aprobado un proxecto de preto 1.200.000 € para a protección do patrimonio cultural en zonas de montaña
- A UE aproba un proxecto de máis dun millón de euros, no que participa o Inorde, para a protección do patrimonio cultural en zonas de montaña
- «A iniciativa permitirá levar a cabo accións de promoción de contornas rurais de montaña da provincia de Ourense, así como de turismo sustentable», afirma o presidente do Inorde, Rosendo Fernández
- Xunto co Inorde, figuran como socios europeos do denominado proxecto CRinMA institucións de Polonia, Eslovaquia, Portugal, Francia e Italia
A Unión Europea vén de aprobar un proxecto de máis dun millón de euros (1.199.250 €), no que participa o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), que ten como obxectivo a protección do patrimonio cultural das zonas de montaña. Esta iniciativa «permitirá levar a cabo accións de promoción de contornas rurais de montaña da provincia de Ourense, así como de turismo sustentable», afirma o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, quen agradece o labor levado a cabo polo equipo do Inorde «para conseguir a aprobación deste importante proxecto por parte das autoridades europeas». No proxecto, denominado CRinMA, o instituto dependente da Deputación de Ourense participa como socio xunto a institucións de Polonia, Eslovaquia, Portugal, Francia e Italia.
O proxecto pertence ao programa Interreg Europa e o seu obxectivo xeral é mellorar as políticas rexionais relacionadas coa protección e promoción do patrimonio cultural nas zonas de montaña. Ademais, establécense outros tres obxectivos que son o fortalecemento da identidade local baseada no patrimonio cultural nas rexións montañosas da fronteira; a mellora na protección e uso sustentable do patrimonio cultural nas zonas de montaña; e a mellora na promoción e transformación creativa do patrimonio cultural nas zonas de montaña.
O traballo que desenvolverá a partires de agora o Inorde cos seus socios de proxecto ten como liñas de actuación a elaboración de plans de desenvolvemento rexional, e a organización de mesas temáticas, conferencias e sesións de formación interregional, ademais de accións de publicidade e difusión, realización dunha páxina web do proxecto e implantación de novas tecnoloxías.
O principal tema abordado polo proxecto é a protección e promoción do patrimonio cultural nas áreas de fronteira da montaña. Precisamente, na Estratexia Europa 2020, a diversidade cultural e o respecto polos recursos naturais figuran entre os puntos fortes da Unión Europea, e o «Libro verde» sobre o potencial das industrias culturais e creativas menciona a promoción do patrimonio cultural «para uso de negocios e desenvolvemento de infraestrutura cultural e de servizos para apoiar o turismo sustentable».
O proxecto de CRinMA contribúe á protección do patrimonio cultural e recolle aspectos como a conservación da arquitectura tradicional, pinturas populares (incluíndo a dixitalización dos patróns folclóricos tradicionais) e a protección da diversidade cultural e a valorización das tradicións locais e costumes. Aínda que as zonas de montaña seleccionadas para o proxecto difiren en canto a tradicións, costumes e contorna natural, algunhas boas prácticas poden ser transferibles para a protección e uso sustentable do patrimonio cultural. Neste sentido, a cooperación interrexional, que proporciona unha oportunidade para o intercambio de experiencias e aprendizaxe interrexional, pode contribuír á correcta comprensión do papel que o patrimonio cultural podería desempeñar no crecemento intelixente e sustentable das rexións de fronteira da montaña.
Xunto co Inorde, os demais socios do proxecto son as rexións de Malopolska e Podkarpackie (Polonia), a Axencia de Desenvolvemento Rexional de Presov (Eslovaquia), o municipio de Montealegre (Portugal), a Asociación Europea de Representantes das Rexións de Montaña (Francia) e as unións de municipios de montaña de Francia e de Piedmont-Uncem Piedmont (Italia).