Aprobado definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal da Rúa
- O DOG publica a orde pola que se aproba definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal da Rúa
- Co visto prace a este proxectos de ordenación permítese equilibrar o modelo de asentamento territorial, poñer en valor as áreas de maior valor natural e reforzar a posición estratéxica do municipio coa ampliación do polígono industrial
- A colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio co Concello da Rúa materializouse en asesoramento e reunións técnicas e nunha achega económica de 123.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) (http://bit.ly/2259Raq ) a orde pola que se aproba o Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello da Rúa, que aporta a seguridade xurídica que o municipio precisa para o seu desenvolvemento e protección das áreas de valor natural.
Este plan xeral, que porá fin -despois de 25 anos de vixencia- ás normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente en 1991, trata de equilibrar o modelo de asentamento poboacional norte-sur do municipio marcado por un orografía que condiciona que o 90% dos preto de 4.700 habitantes da Rúa se concentren no núcleo urbano, situado ao sur, na ribeira do Sil próxima ao encoro de San Martiño. A poboación restante habita nos catro núcleos rurais situados no entorno da montaña, caracterizados por un despoboamento paulatino.
Para contrarrestar esta situación o PXOM propón estimular o crecemento de dous dos núcleos rurais máis próximos ao solo urbano: Somoza e Vilela-O Barrio. Nos outros dous restantes, Roblido e San Xulián, prevese un Plan Especial de Protección para mellorar a súa conservación.
No núcleo urbano contémplase ordenar a densificación e a finalización interior a través de diferentes ordenanzas para solucionar as mazás inacabadas, medianeiras vistas etc. Ademais da posta en valor dos cascos antigos de Fontei e Rúa Vella, que son a orixe do municipio, co fin de poñer o acento na súa riqueza tradicional.
O PXOM continuará coa ampliación das dotacións públicas, dando continuidade á área de espallamento e lecer en Aguillón, xunto á ribeira do Sil, cuxo novo tramo supera en superficie ao xa en funcionamento. Ademais, potenciará as áreas de maior valor natural sitas nas ribeiregas do Río Sil, en especial o embalse de San Martiño, que recibe a clasificación de solo rústico de protección de espazos naturais.
Tamén, a ubicación estratéxica da Rúa, na porta da meseta, o PXOM reforzará a súa posición como eixo empresarial a través da ampliación do polígono industrial das Pedreiras.
Dende a Xunta deféndese que un urbanismo responsable é fundamental para calquera concello, posto que condiciona os recursos locais, o modelo de crecemento, a política de vivenda, a mobilidade e, en definitiva, a vida dos veciños e veciñas; que neste caso concreto, contribuirá a mellorar a calidade de vida dos 4.700 veciños e veciñas da Rúa.
A colaboración da Xunta co concello materializouse en seis reunións técnicas que se celebraron entre os responsables da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e o goberno municipal, xunto co equipo redactor do Plan xeral; e coa achega económica de 123.000 euro.