Aposta por mellorar a conectividade terrestre dos aeroportos galegos a través do billete combinado e da mellora dos servizos de autobús ás terminais

  • A Xunta reitera a súa aposta por mellorar a conectividade terrestre dos aeroportos galegos a través do billete combinado e da mellora dos servizos de autobús ás terminais
  • O Goberno galego confirma que este verán instalará nas estacións de autobuses as pantallas informativas sobre os servizos de transporte público aos aeroportos

 

Aeroporto Santiago de Compostela

Aeroporto Santiago de Compostela

Aposta do Goberno galego por mellorar a conectividade terrestre dos aeroportos a través do impulso do billete combinado e da mellora dos servizos de autobús ás terminais. Así o manifestou na xuntanza de Vigo, do grupo de traballo para a mellora do acceso aos aeroportos galegos, na que tamén participaron representantes dos concellos de Vigo, A Coruña e Santiago, ademais de Fomento e Aena a directora xeral de Mobilidade da Xunta, Helena de Lucas.

Nesa xuntanza, informou de que o pasado 29 de abril a Xunta firmou co Ministerio de Fomento, Adif, Renfe e Aena o convenio que supón o primeiro paso do impulso do billete combinado, que fará posible a mellora da sinalización e información sobre os servizos de transporte de tren e autobús cara aos aeroportos, e desde estes a outros destinos. Así, confirmou que por parte da Xunta, as pantallas informativas nas estacións de autobuses estarán instaladas neste verán.

Así mesmo, Helena de Lucas reiterou a aposta do Goberno galego por mellorar os servizos de autobús ás terminais aeroportuarias desde as cidades de Vigo e A Coruña. Lembrou que na anterior reunión deste grupo de traballo, Aena puxo de manifesto o baixo uso do transporte público cara a Peinador fronte a Santiago e A Coruña. Por este motivo, pouco despois, a Xunta dirixiuse ao Concello de Vigo para ofrecer a súa colaboración no reforzo e mellora deste servizo que, fronte ao que acontece en Santiago e A Coruña, é de titularidade municipal.

Este asunto foi abordado nunha reunión entre representantes da Xunta e do Concello de Vigo o pasado mes de abril e, posteriormente, a administración local remitiu unha proposta ao Goberno galego que na actualidade está a analizar en profundidade a Dirección Xeral de Mobilidade.

A directora xeral reiterou a determinación do Goberno galego de colaborar técnica e financeiramente na mellora do servizo de autobús a Peinador e salientou a necesidade sustentar esa colaboración nunha análise completa e rigurosa que permita asegurar a rendibilidade social dos recursos públicos que se invisten nese fin.

Nese sentido, sinalou que cómpre contar con información sobre os usuarios da liña actual, cunha análise dos tempos de percorrido da nova liña proposta polo municipio, así como cunha previsión de demanda e de déficit do servizo. Así mesmo, sinalou a necesidade de estudar e de ter en conta as debilidades do servizo de lanzadeira que existiu no pasado no Concello de Vigo e que a administración local retirou pola súa baixa demanda.

En relación coa Coruña, a directora xeral de Mobilidade trasladou que o Goberno galego está xa a traballar de forma coordinada coa empresa que actualmente presta o servizo de autobús a Alvedro, para modificar a liña, ampliando horarios e a inclusión dunha nova parada ao carón da estación de ferrocarril.

También te podría gustar...