Apertura o vindeiro sábado das piscinas do Complexo Deportivo de Monterrei
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe de servizo de Deportes, Mario Guede, visitou onte as instalacións do Complexo Deportivo de Monterrei e comprobou que xa está todo listo para que este sábado, 6 de xuño, as piscinas abran de novo as portas ao público.
A Xunta, tendo en conta a situación económica que se está a vivir, decidiu non variar o prezo das entradas para acceder ás instalacións acuáticas e mantén as mesmas tarifas que estiveron vixentes durante estes cinco últimos anos. Esta medida, segundo Rogelio Martínez, contribúe a “mellorar a economía de moitas familias ourensáns que acoden en verán ao complexo de Monterrei a gozar do tempo de lecer nas piscinas, ao tempo que alivian as altas temperaturas que se rexistran en verán nesta provincia do interior de Galicia”.
A entrada para os maiores de 18 anos custa 2,20 euros e a de menores, a partir dos 4 anos, 1,20 euros. O acceso para os cativos menores de 4 anos é de balde. O horario de apertura vai dende as 12 da mañá ata as 21 horas tódolos días da semana.
O recinto de Monterrei conta con 6 piscinas, incluíndo unha infantil e unha de olas. Durante os últimos meses procedeuse á realización de diferentes traballos de rehabilitación no complexo, como o repintado do tobogán, unha das grandes atraccións, e o encintado da piscina de olas, así como os traballos de posta a punto despois do inverno, para poñer en marcha o recinto que acolle nos tres meses de apertura unha media de 70.000 persoas cada ano.
Así mesmo, estánse a realizar traballos nas pistas de atletismo “Josefina Salgado” para proceder á renovación da homologación das mesmas, requisito indispensable para poder acoller o Campionato Galego Absoluto de Atletismo previsto para o mes de xullo. Os traballos consisten na colocación do bordillo de aluminio ao longo de toda a pista, novo pintado da mesma e traballos de adecuación no foso de pértega.
O resto da instalación, de uso totalmente gratuito, está composta por catro pistas de tenis, dúas pistas de pádel e canchas polideportivas abertas en horario máis amplo de 09.00 a 22.00 horas.