«Apagón» para concienciar sobre o cambio climático
- Máis de vinte concellos únense ao “apagón” para concienciar sobre o cambio climático
- A acción convocada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade polo Día do Medio Ambiente encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’
Un total de 23 concellos socios Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade uniranse este sábado, 5 de xuño, ao “apagón” convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. A partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, igrexas, torres e outros monumentos co fin de concienciar sobre o consumo enerxético. A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.
Aínda que o consumo eléctrico en Galicia caeu un 5,8% no ano 2020, tratouse dun descenso coxuntural debido á paralización da actividade por mor da Covid-19, de aí que cumpra seguir fomentando o aforro de enerxía para evitar o impacto ambiental que supón producila. Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional no fogar, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos.
En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a protexer os ecosistemas, que é o tema no que este ano se centra o Día Mundial do Medio Ambiente, baixo o lema ‘Reimaxina, rexenera, restaura’. Ademais, o “apagón” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se impulsarán nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’ e que van desde accións de rúa como o flashmob e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, retos virais, etc. Búscase así contribuír a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas e, en especial, ao ODS 13: adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido uns 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.
Listaxe de concellos adheridos ao “apagón” ambiental
A Laracha |
Praza do Concello |
Ames |
Casa do Concello e Praza do Concello |
A Pobra do Caramiñal |
Casa do Concello |
As Pontes de García Rodríguez |
Casa do Concello |
Barreiros |
Casa do Concello |
Boiro |
Casa do Concello e Casa da Cultura |
Cabanas |
Casa do Concello |
Caldas de Reis |
Casa do Concello |
Cambre |
Igrexa de Santa María e contorna |
Cariño |
Casa do Concello |
Fene |
Casa do Concello |
Miño |
Monumento dos Andrade, Igrexa de San Xoán de Vilanova e Praza do Parchís |
Moeche |
Xardíns da Casa do Concello |
Narón |
Pazo da Cultura |
Nigrán |
Por definir |
O Barco de Valdeorras |
Torre do Castro |
Pontedeume |
Torreón dos Andrade |
Pontevedra |
Casa do Concello |
Redondela |
Multiusos de Chapela |
Tomiño |
Casa do Concello |
Verín |
Casa do Concello e Praza do Concello |
Viana do Bolo |
Torre da Homenaxe |
Viveiro |
Porta de Carlos V e Igrexa de Santa María |