Anxo Queiruga, novo presidente de COCEMFE

  • Anxo Queiruga, elixido presidente de COCEMFE, a entidade estatal que aglutina toda a discapacidade física e orgánica
  • Durante a súa intervención, Anxo aludiu á unidade de todo o colectivo da discapacidade para facerse escoitar ante a Administración
  • A eliminación do copagamento, o cambio da lei de propiedade horizontal, a actualización e mellora do catálogo orto-protésico, a investigación das enfermidades raras e o coidado dos pacientes crónicos, son algúns dos dereitos polos que iniciará a traballar o novo equipo

 

O presidente de COGAMI, Anxo Antón Queiruga Vila, vén de ser elixido como o máximo representante da discapacidade en España, tras gañar as eleccións a COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) que onte se celebraron en Madrid, en asemblea xeral extraordinaria.

A candidatura de Anxo Queiruga foi apoiada polo 69,6% das 89 entidades que votaron, un sufraxio no que tamén saíu nomeado o novo Consello Estatal da Entidade, que está composto por un equipo formado por oito persoas: presidencia, vicepresidencia e secretarías de organización, finanzas, formación e emprego, socio sanitaria, muller e igualdade e accesibilidade e vida independente.

Para estes catro anos de mandato que lle agardan, Anxo quixo iniciar a súa intervención facendo fincapé na importancia de manter a unidade de todo o movemento asociativo da discapacidade e das enfermidades crónicas, xa que, segundo dixo, “non haberá goberno que se resista ante un movemento asociativo unido, seremos dialogantes cos nosos gobernantes e tamén resistentes nas nosas reclamacións”.

Coincidindo coas vésperas das eleccións ao goberno español, o novo presidente de COCEMFE quixo recordar que nestas eleccións non todas as persoas poden exercer o dereito a voto porque “80.000 persoas con discapacidade están privadas de votar, por estar inxustamente incapacitadas moitas delas, e outras por falta de apoios”.

A axenda de inicio dos catro anos que lle esperan por diante está completa con temas de interese relevante para as máis de 3 millóns de persoas que representa COCEMFE, todas elas con discapacidade física e orgánica, temas como o copagamento porque, en palabras de  Anxo “empobrece a milleiros de persoas necesitadas de apoios”. Outras accións importantes nas que van actuar son a discapacidade no rural, a pobreza, as mulleres, a vida independente, as enfermidades raras e os pacientes crónicos, a propiedade horizontal, o catálogo orto-protésico, a formación e o emprego e as persoas que dedican a súa vida ao coidado doutras.

Anxo representará, a través de COCEMFE a máis de 1.600 asociacións en todo o territorio español, que atenden a preto de 3 millóns de persoas usuarias, converténdoa na entidade máis representativa da discapacidade en España.

Anxo Queiruga, novo presidente de COCEMFE

Anxo Queiruga, novo presidente de COCEMFE

 

Traxectoria de Anxo

Anxo Queiruga, natural de Porto do Son e afincado en Compostela dende hai 24 anos, inicia a súa primeira toma de contacto co movemento asociativo da discapacidade  durante os anos 80 a través da asociación Ámbar da comarca barbanzá. A partir de aquí, inicia a traballar en COGAMI en 1997, primeiro na área de Administración e logo como coordinador da área de Formación e Emprego, postos que combina co cargo de Vicepresidente, ata que  en 2007, é nomeado presidente de COGAMI e do Consello de Administración de Galega de Economía Social- GES (grupo de empresas de economía social que forman parte de COGAMI).

Que é COCEMFE? 

COCEMFE é Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica, unha organización non gobernamental, sen ánimo de lucro constituída en 1980 co fin de aglutinar, fortalecer, formar e coordinar esforzos e actividades das entidades que traballan a favor das persoas con discapacidade física e orgánica, a través da defensa dos seus dereitos e a mellora da calidade de vida.

Máis de 1.600 asociacións son as que conforman COCEMFE, divididas en Confederacións Autonómicas, Entidades Estatais e Federacións Provinciais que, á súa vez, aglutinan entidades locais. Para estas entidades, e ás persoas que representan, COCEMFE destina programas de integración laboral, educación, accesibilidade, atención sociosanitaria, lecer e atención tanto á infancia como ás mulleres e xuventude.

 

También te podría gustar...