Antonio López Díaz: pregoeiro da 4ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte
- O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, será o pregoeiro da 4ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ben de anunciar o nome do pregoeiro da 4ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que será o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, D. Antonio López Díaz.
O Alcalde sinalou que
decidimos propoñerlle a Antonio López ser o pregoeiro en 2022 do Festival do Viño porque ademais de ser o reitor da universidade máis importante de Galicia, á que pertence o Campus Terra de Lugo, é lucense, nacido en Barreiros, e sabemos da súa aposta firme pola nosa provincia. Por iso estamos moi satisfeitos de que aceptara ser o pregoeiro do Festival do Viño deste ano.
O próximo venres día 1 de xullo dará comezo o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que terá lugar no paseo do Malecón e no que participarán 27 adegas, o número máis alto de participación das catro edicións celebradas.
No acto de inauguración que terá lugar dende 19 horas da tarde no propio recinto do Festival, actuará o grupo “Donaire” e posteriormente haberá un saúdo institucional do Alcalde, José Tomé Roca, para as autoridades presentes, adegueiros e público en xeral, rematando dito acto coa intervención do reitor da USC.
Antonio López, reitor da USC
Antonio López Díaz naceu o 23 de xaneiro de 1964 en Barreiros (Lugo).
É Catedrático de Dereito Financeiro e Tributario na Universidade de Santiago de Compostela (USC), e actualmente é reitor de dita Universidade dende o 5 de xuño de 2018.
Tamén foi Conselleiro do Consello de Contas de Galicia de 2007 a 2014, institución na que exerceu como Conselleiro Maior (de xuño de 2007 a setembro de 2010) e como responsable da Área de Corporacións Locais (desde 2010 ata xaneiro de 2014).
Antonio López é Licenciado en Dereito pola USC (1986) e Premio Extraordinario de Licenciatura, e Doutor en Dereito (1991) por dita universidade.
Tamén desenvolveu os seguintes cargos académicos:
- Vicerreitor de Coordinación do Campus de Compostela e Vicerreitor de Xestión de Infraestruturas da Universidade de Santiago de Compostela (1998-2002).
- Decano da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela (2005-2007).
- Director do Departamento de Dereito Público Especial da Universidade de Santiago de Compostela (1993-1998).
- Secretario da Comisión de Doutorado da Universidade de Santiago de Compostela.
- Distinguido coa insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela.
Ademais, é autor de numerosas publicacións relacionadas coa súa área de coñecemento, tanto monografías como artigos en revistas especializadas. Son de resaltar os seus estudos en cuestións referidas a procedementos tributarios, especialmente recadación, así como os seus estudos en materia de financiamento autonómico e local, así como o gasto público e o seu control. A súa formación completouse con estancias en Universidades Europeas (Bolonia) e americanas (Sao Paulo e Montevideo).
Tamén no campo da investigación participou en numerosos proxectos de investigación sendo investigador principal de diversos proxectos e de convenios e contratos con empresas e institucións.
Membro de asociacións científicas relacionadas coa súa especialidade: Asociación Española de Profesores de Dereito Financeiro, Asociación Española de Asesores Fiscais, Asociación Española de Dereito Financeiro, European Asociation of Tax Law Professors.