Ante a proximidade das populares festas de San Martiño e de celebración de Magostos, especialmente arraigados na provincia de Ourense, Sanidade recomenda evitar o consumo de bebidas alcohólicas non etiquetadas sen garantías sanitarias
Ante a proximidade das populares festas de San Martiño e de celebración de Magostos, especialmente arraigados na provincia de Ourense, a Consellería de Sanidade desexa transmitir unha mensaxe de prudencia no consumo de bebidas alcohólicas, sempre desaconsellado para menores de idade, e en especial evitando as augardentes e licores non etiquetadas, e por tanto sen controis sanitarios, o que podería carrexar graves riscos para a saúde pública.
Os últimos días, distintas actuacións das forzas e corpos de seguridade deixan patente que, ás veces baixo o apelativo de “caseiro” pódense agochar bebidas alcohólicas de dubidosa procedencia e sen garantías sanitarias, e por tanto con risco de ser nocivas para a saúde pública.
Asemade o cualificativo de caseiro non sempre é sinonimo de calidade, xa que a augardente é un destilado e un mal proceso de destilación entraña riscos para a saúde do consumidor, sobre todo se procede dunha destilación clandestina. A Lei permite destilar para consumo particular pero non para venda, polo que desconfía cando te ofrezan un produto desta procedencia previo pago. É responsabilidade de todos rexeitar este tipo de produtos, que poden danar a saúde e deterioran a imaxe daqueles que producen coas debidas medidas de calidade e seguridade.
Nos destilados diferéncianse tres fraccións: cabeza, cun alto contido en alcohol metílico; corazón, que é a única parte que está indicada para o consumo; e colas, nas que se acumulan as impurezas, como metílico, furfural ou acetoína, todas elas substancias perigosas para á saúde. Cabezas e colas deben sempre desbotarse xa que seu elevado porcentaxe de alcohol metílico as fan perigosas para a saúde.