Andaina solidaria a favor da loita contra o cancro de mama

  • A VI andaina solidaria de Nogueira de Ramuín será a favor da loita contra o cancro de mama
  • A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que se celebrará mañá sábado, 26 de novembro
Manuel Pereira, Rosendo Fernández, María Isidora Gómez, José César Parente, Raúl Soto

Manuel Pereira, Rosendo Fernández, María Isidora Gómez, José César Parente, Raúl Soto

 

O Concello de Nogueira de Ramuín acollerá mañá  sábado, 26 de novembro, a sexta edición da súa andaina solidaria que nesta ocasión será a favor da loita contra o cancro de mama. A presentación deste evento deportivo tivo lugar onte no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; da presidenta da AECC de Ourense, María Isidora Gómez; do alcalde, do tenente de alcalde e do concelleiro de seguridade e participación cidadá do Concello de Nogueira de Ramuín, José César Parente, Raúl Soto e Manuel Pereira, respectivamente.

Rosendo Fernández dixo que a Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que «auna deporte, saúde, natureza e solidariedade» e felicitou ao Concello de Nogueira de Ramuín por celebrar «a sexta edición desta proba deportiva con carácter solidario». Así mesmo, o vicepresidente do goberno provincial salientou o labor que realiza a AECC de Ourense que «ao longo do ano desenvolve múltiples actividades para colaborar con esta loita desenfrenable e mitigar as consecuencias desta enfermidade».

O alcalde do Concello de Nogueira de Ramuín explicou que a proba deportiva contará con dúas rutas, a curta de 10 quilómetros, e a longa de 19,5 quilómetros, que discorren por pistas, camiños e corredoiras de zonas baixas e altas do municipio, cunha dificultade media-baixa, e media, respectivamente. Asemade, «cada 5 quilómetros haberá un avituallamento ao longo da andaina, e ao remate haberá un catering para todos os participantes grazas á colaboración de todos os comercios locais da zona, todo isto acompañado por ambientación musical», sinalou José César Parente.

A saída terá lugar ás 10.00 horas na praza de Luintra. O prezo da inscrición é de 7 euros que, tal e como explicou José César Parente, «unha vez sufragados os gastos, todo o diñeiro que quede irá destinado á asociación». Os interesados en participar poderán anotarse ata o mesmo día da proba. A estimación de participantes é de «ao redor de 200 persoas como sucedeu nas anteriores edicións», dixo o alcalde do Concello de Nogueira de Ramuín.

María Isidora Gómez agradeceu ao Concello de Nogueira de Ramuín que «pensase na nosa asociación como beneficiaria dos recursos económicos que se obteñan e a todos os que participen nesta proba deportiva», e engadiu, «a cantidade recadada é moi importante para a asociación porque máis aló do que se considera como necesario como é o aspecto emocional, tamén hai outra serie de circunstancias como nos momentos complicados da enfermidade, a necesidade de material ortoprotéxico, pelucas, grúas, etc, e todo iso é de forma gratuíta polo que, necesitamos contar tamén con diñeiro».

También te podría gustar...