Andaina contra o cancro infantil

  • A Deputación de Ourense colabora nunha andaina solidaria contra o cancro infantil
  • O evento, que se celebra o vindeiro domingo en Vilamarín, ten como obxectivo recadar fondos para a Asociación NEN e apoiar a Nico, un neno ourensán de 2 anos que padece neuroblastoma
Marina Rodríguez, Amador Vázquez, Juan Anta e Marcos Vázquez.

Marina Rodríguez, Amador Vázquez, Juan Anta e Marcos Vázquez.

 

A Deputación de Ourense colabora na «Andaina solidaria Pazo de Vilamarín» de apoio á investigación sobre o cancro infantil, un evento que se celebrará o vindeiro 11 de setembro en Vilamarín e que ten como obxectivo recadar fondos para a Asociación NEN e apoiar a Nico, un neno ourensán de 2 anos que padece desde os 9 meses neuroblastoma (tumor abdominal). A presentación do evento tivo lugar onte no Pazo Provincial coa participación do deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, e os concelleiros deste municipio Marina Rodríguez e Marcos Vázquez. Desta maneira, o goberno provincial e o Concello de Vilamarín unen esforzos para reivindicar e chamar a atención sobre os máis de 1.400 novos casos que cada ano se diagnostican de cancro infantil, e en concreto, para colaborar coa familia de Nico e coa Asociación NEN.

Juan Anta destacou que a Deputación de Ourense «apoia con firmeza este motivo de solidariedade, e neste caso, ademais de colaborar cunha actividade deportiva, axudamos á xente que máis o necesita e favorecemos que se siga impulsando a investigación contra o cancro infantil. Alí estaremos todos o domingo participando a prol desta causa solidaria».

Amador Vázquez agradeceu o apoio do goberno provincial e dos medios de comunicación con este evento, «porque colaborar con esta acción solidaria supón facelo cunha familia que está sufrir, e tamén significa concienciar para que se sigan destinando fondos para a investigación médica». Na mesma liña, Marcos Vázquez explicou que a andaina «ten como valor confraternizar e concienciar á xente sobre a necesidade de redobrar esforzos para loitar contra o cancro infantil; e quixémolo facer ofrecéndolle a todos a riqueza natural que ten o municipio de Vilamarín».

Marina Rodríguez deu lectura a unha carta da nai de Nico, quen non puido estar presente na rolda de prensa por complicacións na enfermidade que padece o seu fillo. No escrito agradece a colaboración de institucións e cidadáns e fai un chamamento para que a investigación se potencie «pois a taxa de supervivencia do cancro infantil está estancada desde fai 20 anos».

O 100 % da recadación da andaina irá destinado, mediante a adquisición de dorsais por un donativo de 5 € cada un (3€ para os participantes infantís) á Asociación NEN. A proba deportiva sairá do Pazo de Vilamarín o vindeiro domingo 11 de setembro, ás 10.00 horas, e contará cun percorrido de 11 quilómetros. Ademais, haberá actividades infantís, con inchables e xogos, para que os máis pequenos poidan gozar tamén dunha xornada deportiva e de lecer.

Para aquelas persoas que, ademais, queiran colaborar coa causa tamén se habilitou unha «fila cero» na conta da Asociación NEN para que poidan facer as súas achegas económicas.

 

También te podría gustar...