Andaia dos maiores dos once centros sociocomunitarios da provincia de Ourense
- A actividade, organizada pola xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, forma parte da programación anual de actividades para estes centros
- Os participantes fixeron un percorrido de 6 quilómetros pola área recreativa de Laias
- O delegado territorial da Xunta en Ourense acompañounos na saída da andaina e animounos a continuar participando en iniciativas que contribúan ao seu envellecemento activo
Preto de 200 maiores da provincia pertencentes aos once centros sociocomunitarios ourensáns participaron hoxe nunha andaina de 6 quilómetros dende o balneario de Laias ata a área recreativa da mesma localidade.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, reuníronse cos participantes na saída da andaina, e animáronos a completar a actividade, subliñando que a práctica de exercicio físico é fundamental na prevención da dependencia.
Rogelio Martínez apuntou que a procura do máximo benestar e a mellora da calidade de vida dos maiores é “un obxectivo prioritario e irrenunciable” da política social da Xunta de Galicia. “Non podía ser doutra maneira, especialmente en Ourense que é a provincia galega con maior porcentaxe de maiores, cifrado nun 28,4 por cento”, matizou o delegado territorial.
Para rematar a xornada, logo de completar a andaina, os maiores participaron nun xantar organizado no balneario Caldaria Laias.
Esta andaina forma parte do programa dos “III Encontros de actividades dos centros sociocomunitarios” dependentes da Xunta de Galicia que se están a desenvolver durante este ano, e que incluíron ximnasia de mantemento, a participación das coreografías de cada centro no salón de persoas maiores “Galisenior” e a celebración dun ciclo de conferencias sobre saúde bucodental denominado “A saúde bucodental non ten idade” que se está a impartir en todos os centros sociocomunitarios ourensáns ata o mes de decembro.
Esta actividade organizouna a xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar coa finalidade de potenciar a dinamización, promover a participación e fomentar as interrelacións entre os distintos centros sociocomunitarios. Así, na andaina participaron maiores dos once centros sociocomunitarios existentes na provincia: Ourense, Pontepelamios (Ourense), Ribadavia, Maceda, Xinzo da Limia, Viana do Bolo, O Barco de Valdeorras, Petín, Celanova, Carballiño e Verín.
Estes centros ourensáns contan con 1.870 persoas que participan nalgunha das súas actividades, divididas en tres grupos: de exercicio físico, de formación e de ocio e tempo de lecer, no que se enmarcan actividades variadas desde a ximnasia de mantemento, pasando pola zumba, taller de memoria, pintura e mesmo cursos de informática.
Os centros sociocomunitarios, dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, son centros polivalentes abertos a toda a sociedade cunha especial atención á prevención da dependencia.