Ambiente de Nadal e música dende un escaparate en Monforte

O centro e ensinanzas artísticas ‘Creativa’ ofreceu unha demostración musical dun xeito moi curioso e orixinal este sábado 10 de decembro.

Achegámonos a mediados de decembro e a cidade de Monforte respira xa ambiente de Nadal.

Se hai poucos días quedaba inaugurado o alumeado e a decoración propias destas datas, o máis espectacular e con máis cobertura da historia, esta fin de semana post-ponte demóstranos que estamos xa rodeados de Nadal.

Os Mercados de Nadal comezaron esta fin de semana, con diferentes postos e actividades de lecer no anexo da Praza de Abastos, e tamén houbo un concerto na Rúa Cardeal, a carón da gran árbore de luces. O grupo, Dixie Kings Jazz Band, actuou no escenario alí habilitado despois de facer un previo pasarrúas polas inmediacións.

CONCERTO DENDE UN ESCAPARATE

E metidos neste ambiente de festas, este pasado sábado 10 de decembro, houbo unha actividade ben curiosa que chamou moito a atención e reuniu a moita xente no centro de Monforte. Concretamente na Avenida de Galicia, moi preto da parada de taxis.

O centro de ensinanzas artísticas ‘Creativa’ ofreceu unha demostración musical dende o escaparate dun establecemento comercial monfortino na que participou o alumnado. Músicas e músicos de diferentes disciplinas e de diferentes idades interpretaron varios temas dende dentro do local e a xente puido gozar da actuación dende fóra, na rúa e diante do escaparate onde estaban os altofalantes que permitían escoitar a música.

Ao remate, tamén houbo unha demostración de baile urbano pero xa se fixo na propia rúa, diante do establecemento.

Esta iniciativa chamou moito a atención polo orixinal e ambientou esa zona da cidade durante algo máis dunha hora. Foi tamén unha boa maneira de promocionar esta academia e de dar a coñecer o traballo que realizan.

IMAXES

 
VÍDEO

 

 

 

También te podría gustar...