Ambicioso proxecto de mellora nos campos de fútbol de Monforte
- O Alcalde presenta un ambicioso proxecto de mellora nos campos de fútbol do Luis Bodegas e do Calasancio que alcanzará os 600.000€ de investimento
- José Tomé Roca, deu a coñecer un novo proxecto de infraestruturas urbanas, neste caso deportivas, que suporán a renovación e mellora de tres campos de céspede artificial da cidade, os dous que forman parte do Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas, e o Campo do Colexio dos Pais Escolapios
- O Alcalde sinalou que “é un proxecto que presento hoxe con ilusión, pois levaba moito tempo traballando nel, en concreto, na xestión de fondos para poder levalo a cabo”. Deste xeito, o orzamento para estas intervencións ascende a 572.196,75 euros, dos cales 550.990 euros son aportados mediante unha subvención nominativa consignada nos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2022, e que son canalizados a través do Consejo Superior de Deportes. O Concello aporta 21.206,75€, máis o custe do proxecto e a dirección de obras, que suman 12.084€, polo que aportación total do Concello é de 33.290,75€
- O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o martes 26 de xullo de 2022 ás 2 da tarde e agárdase que a obra estea adxudicada a principios de agosto.
- Con respecto ó Colexio PP. Escolapios de Monforte, asinouse un convenio de colaboración entre o Concello de Monforte, o Colexio e o C.P. Calasancio, mediante cal se lle cede ó Concello de Monforte o uso deste campo de fútbol por un período de 10 anos.
- Destas obras de mellora beneficiaranse en torno a 450 xogadores e xogadoras federadas dos 24 equipos de fútbol que usan habitualmente as instalacións e que forman parte do C.P. Calasancio, C.F. Monforte, Club Lemos, A.D.C. Monte Forte e A.D. Veteranos de Monforte
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Técnico de Deportes, Óscar Rodríguez, deu a coñecer onte en rolda de prensa un novo proxecto de infraestruturas urbanas, neste caso deportivas,
que suporá a renovación e mellora en diversos campos de fútbol da cidade de Monforte de Lemos, concretamente en tres campos de céspede artificial da cidade, os dous que forman parte do Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas, e o Campo do Colexio dos Pais Escolapios.
O Alcalde sinalou que “é un proxecto que presento hoxe con ilusión, pois levaba moito tempo traballando nel, en concreto, na xestión de fondos para poder levalo a cabo”. Neste senso, o orzamento para estas intervencións, ascende a 572.196,75 euros, dos cales 550.990 euros son aportados mediante unha subvención nominativa consignada nos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2022, e que son canalizados a través do Consejo Superior de Deportes.
Pola súa banda, o Concello aporta 21.206,75€, máis o custe do proxecto e a dirección de obras, que suman 12.084€, polo que aportación total do Concello é de 33.290,75€.
Con respecto ó Colexio PP. Escolapios de Monforte, no que actualmente desenvolve a súa actividade o C.P. Calasancio, foi necesario a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Monforte, o Colexio PP. Escolapios de Monforte e o C.P. Calasancio, mediante cal se lle cede ao Concello de Monforte o uso do campo de fútbol dos Escolapios por un período de 10 anos.
Renovación e actuacións de mellora nos campos de fútbol
A cidade de Monforte conta con tres campos de céspede artificial en días instalacións diferentes.
O Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas, ubicado entre as rúas Duquesa de Alba, San Lázaro e Reboredo, ó sur do centro urbano de Monforte. Esta instalación deportiva dispón dun campo principal de fútbol 11, estando habilitadas sobre o mesmo dúas zonas de xogo de fútbol 7, orientadas ó seu ancho, e un campo exclusivo de fútbol 7.
O Campo de fútbol situado dentro do recinto do Colexio dos Pais Escolapios, dispón dun campo de fútbol 11 e, ó igual que o anterior, conta con 2 zonas de xogo de fútbol 7 ó seu ancho, e que é utilizado polo Club Calasancio.
O Alcalde sinalou que as obras de mellora acométense porque “estes tres campos presentan un céspede artificial instalado hai máis de 10 anos, cun notable desgaste derivado dun uso intensivo durante todos estes anos”. En concreto, o campo do Colexio Escolapios é do ano 2007 e os campos do Estadio Luís Bodegas son do ano 2009”.
“Por este motivo”, explicou o Alcalde, “dende o Equipo de Goberno, decidimos acometer un proxecto de renovación de cada un destes terreos de xogo, que consistirá na substitución do pavimento de céspede artificial existente en cada un dos campos, por un novo céspede de última xeración adaptado ás novas normativas e esixencias”.
O proxecto de mellora establecido dende o Equipo de Goberno do Concello, aproveitará a infraestrutura existente en cada un dos tres campos, polo que se levará a cabo a retirada do antigo céspede mediante un sistema de retirada sostible por medios mecánicos con aproveitamento de recheos (area e caucho).
“Á súa vez, aproveitaremos a intervención nos tres campos para revisar os seus sistemas de rego, estado de electroválvulas e demais elementos, procedendo ó seu reemplazo, no caso de que sexa necesario. E tamén serán substituídos os canóns de rego dos 3 terreos de xogo por uns novos canóns emerxentes, máis actuais e eficientes”, explicou o rexedor monfortino.
José Tomé tamén avanzou que “a todas estas melloras das instalacións actuais, polo interese que mostraron varias empresas por estas obras, temos constancia de que van propoñer algunhas melloras con cargo ó orzamento de licitación, que hoxe non podemos dicir, pero que sabemos que van contribuír a aumentar a calidade das obras destas instalacións”.
No campo Luís Bodegas actuarase sobre unha superficie total de 8.901 metros cadrados, dos cales 6.784 metros cadrados corresponden ó campo de fútbol 11, e 2.117 metros cadrados ó campo de fútbol 7.
Polo que respecta o campo dos PP. Escolapios, a superficie total de actuación será de 5.922,50 metros cadrados. En definitiva, rexenerarase unha superficie total de céspede próxima ás 1,5 hectáreas (14.823,50 m2).
Criterios de Valoración e prazos
Os criterios de valoración establecidos no prego de condicións desta obra de mellora son os seguintes:
-Memoria técnica: 40 puntos.
-Oferta económica: 40 puntos
-Ampliación do prazo de garantía (1 ano): 10 puntos
-Certificacións do sistema de céspede artificial ofertado: 10 puntos.
Tras a celebración da rolda de prensa, hoxe mércores 29 de xuño, está prevista a publicación deste proxecto na Plataforma de Contratos do Sector Público, polo que o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o martes 26 de xullo de 2022 ás 2 da tarde. As mesas de contratación celebraranse o luns 8 e o xoves 11 de agosto.
Está previsto que a obra estea adxudicada a principios de agosto e o prazo de execución das obras, previsto para principios de setembro, será de 135 días naturais, é dicir 4 meses e medio, a contar dende a sinatura da acta de comprobación de replanteo.
Plan de traballo para evitar que as obras afecten ós usuarios
O Alcalde tamén explicou que “Co fin de evitar os maiores prexuízos ós clubs usuarios das instalacións deportivas, a empresa adxudicataria deberá presentar un plan de traballo que deberá garantir que en todo momento permanezan en servizo dous do tres campos obxecto de renovación, non podendo simultanearse os traballos entre eles. Isto permitirá, cos axustes necesarios, que todos os equipos dos clubs usuarios poidan continuar coa súa actividade durante o período que duren as obras”.
O rexedor tamén indicou que destas obras de mellora beneficiaranse en torno a 450 xogadores e xogadoras federadas dos 24 equipos de fútbol que usan habitualmente as instalacións e que forman parte do C.P. Calasancio, C.F. Monforte, Club Lemos, A.D.C. Monte Forte e A.D. Veteranos de Monforte.
“Como ven”, concluíu José Tomé, “continuamos así co desenvolvemento dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas urbanas, neste caso deportivas, da nosa cidade, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende o principio do meu mandato”.