Álvaro Pino, pregoeiro da Feira do Viño de Valdeorras
- Álvaro Pino será o pregoeiro da XIX Edición da Feira do Viño de Valdeorras
- Este ano cúmprese o 30 aniversario da súa victoria na Volta a España
- Unha nova bodega da comarca (O Luar do Sil) participará na Feira, co cal son xa 18 as inscritas
O ex ciclista profesional Álvaro Pino, natural do municipio pontevedrés de Ponteareas, será o pregoeiro da XIX Feira do Viño de Valdeorras. A lectura do pregón terá lugar o vindeiro sábado 16 de xullo, a partir das 12,30 horas, no decurso do acto institucional de inauguración da Feira no que participará, ademais, a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez.
Álvaro Pino foi seleccionado como pregoeiro cando se cumpren 30 anos da súa victoria na Volta a España, na que superou a figuras de primeiro nivel como Laurent Fignon, Robert Millar, Sean Kelly ou Perico Delgado. Para Francisco García, presidente do Consello Regulador, “Álvaro Pino é unha figura emblemática do deporte galego e encarna valores de superación, traballo en equipo, solidariedade e sacrificio, que é preciso reivindicar na sociedade actual”. É un pregoeiro perfecto para esta edición da Feira do Viño de Valdeorras “non só por se cumprir neste ano tres décadas do seu triunfo na Volta a España, senón tamén porque neste 2016 a carreira ciclista máis importante do país dá comezo na provincia de Ourense e discorre en territorio galego durante sete etapas (catro na nosa provincia), máis que en ningunha outra edición”.
Biografía
Álvaro Pino Couñago naceu en Ponteareas (Pontevedra) o 17 de agosto de 1956. Foi ciclista profesional durante unha década, entre 1981 e 1991, e a súa especialidade foron as etapas de montaña. Gañador da Volta a España en 1986, quedou entre os cinco primeiros nesta carreira en dúas ocasións máis (1983 e 1989), ademais de gañar cinco etapas e a clasificación da montaña. O ciclista ponteareano tamén logrou clasificarse entre os dez primeiros no Tour de Francia nos anos 1986 e 1988, e entre os 20 primeiros no Giro de Italia (1983) e no Mundial de Ciclismo en Ruta (1986). Tras abandonar o ciclismo profesional, continou ligado ao mundo da bicicleta como director deportivo de Kelme, Phonak e Xacobeo Galicia; o primeiro equipo ciclista profesional galego, co que gañou a clasificación por equipos da Volta a España en 2009.
O Luar do Sil, nova bodega participante
Por outra banda, O Luar do Sil (pertencente ao grupo Pago de los Capellanes), ubicada en Seadur (no Concello de Larouco) confirmou a súa participación na Feira do Viño de Valdeorras, co cal son xa 18 as bodegas inscritas para esta edición do foro vinícola (dúas máis que en 2015).
Xunto a isto, desde o Consello Regulador quérese sinalar que o sábado 16 de xullo pola noite actuará no recinto feiral o grupo Los Brothers (en lugar de Los Correctos, banda que foi anunciada por erro inicialmente). A actuación de Los Brothers terá lugar a partir das 22,00 horas.