Alerta: temporal de vento que afectará durante o día de hoxe ás catro provincias galegas
- A Xunta alerta dun temporal de vento que afectará durante o día de hoxe ás catro provincias galegas
- As rachas de vento acadarán os 100 quilómetros por hora nas provincias da Coruña e Lugo, así como no noroeste e sur de Ourense e o interior de Pontevedra
- Tamén está previsto esta tarde un temporal costeiro en todo o litoral galego, con ventos de forza 8 e ondas que oscilarán entre os 6 e 8 metros de altura
- O CAE 112 Galicia recorda a necesidade de extremar as precaucións e seguir as medidas de protección pertinentes
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa por vento que afectará durante o dia de hoxe a toda Galicia.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a través da súa delegación en Galicia, as rachas de vento poderán acadar os 100 quilómetros por horas. As zonas afectadas son as provincias da Coruña e Lugo, así como o sur e noroeste de Ourense e a zona interior de Pontevedra.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do 112 Galicia, informou da situación aos concellos das zonas afectadas; así como ás respectivas Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e outras situacións de risco.
Temporal na costa
Ademais, hai que lembrar que tamén está previsto para esta tarde un temporal costeiro de nivel laranxa que afectará ao litoral da nosa Comunidade e no que se esperan ventos de forza 8 e ondas que oscilarán entre os 6 e 8 metros de altura.