Alberte Montes, actor e humorista galego, estará en Trives, O Incio e Córgomo
Unha xira que comeza o día 10 e remata o 13 de agosto levarao por terras ourensáns e lucenses. O obxectivo desta ‘escapada galega’ é achegar ao público unha escolma dos seus mellores monólogos destes últimos anos.
Alberte Montes, actor e humorista galego-catalán –orixinario dos Anguieiros, Concello de Quiroga– aterrou este mércores 10 de agosto en Compostela para iniciar unha ‘xira exprés’ na que realizará actuacións en catro localidades galegas, tres delas na provincia de Ourense.
A primeira actuación será o 10 de agosto no Concello de Merca, concretamente no Campo da Festa de Zarracós onde chega grazas á Asociación Veciñal de Zarracós.
O xoves 11 a actuación de Alberte Montes será na coñecida praza Doutor Paz da Pobra de Trives e a cita está fixada para as 22:00 h. Alberte chega para formar parte do programa «Terraceo de Verán 2022», que organizan os establecementos A Cantina do Catro e a Cervexería Boliche, e faino con moitas ganas pois esta praza foi sempre sinónimo de sintonía e goce co público.
Seguindo coa xira, o venres 12 tocará cambio de provincia para chegar a Terras do Incio. Neste caso a actuación será na terraza do Hotel Rural Hermida, dentro do seu ciclo ‘Solpor Hermida’ que fai posible acompañar o goce dos seus fermosos solpores con actuacións en vivo.
Como remate de xira, terá a honra de participar nas ‘Noites de Florencio’ en Córgomo o sábado 13. Este ciclo cultural, organizado polo proxecto de dinamización cultural valdeorrés “As letras de Florencio”, ten como obxectivo lembrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán con diferentes actividades.
TEMÁTICA DOS MONÓLOGOS
Os monólogos de Alberte Montes caracterízanse pola súa singular visión da realidade, as súas coñecidas “Albertadas”, e tamén por amosar o xeito de ser dos galegos coas súas virtudes e os seus defectos. Neste senso, o recurso dos tópicos ten un obxectivo, non desmontalos nin erradicalos, se non transformalos e cargalos de valor. “Historicamente teñen empregado os tópicos para ridiculizarnos e mofarse de nós, feito que explicaría en parte que arrastremos algo de autoxenreira. Eses tempos foron pasando e agora xa somos quen de defendernos con orgullo dese estigma combatendo aos ignorantes, ríndonos dos propios defectos e chufando das nosas diferenzas”, afirma Alberte nun dos seus textos máis coñecido, “Galego pode selo calquera”.
ALBERTE MONTES / BIO
Como cómico conta preto de 1.000 actuacións en directo e dous monólogos gravados para CENTRAL DE CÓMICOS, programa de Comedy Central. Ten actuado xunto a cómicos coma Ignatius, Toni Moog ou Carlos Blanco.
Colaborou en programas de humor como BUENAS NOCHES Y BUENAFUENTE ou EN EL AIRE de El Terrat, e outros da TVG, entre os que destacan, LAND ROBER ou LUAR.
Na súa faceta de colaborador e reporteiro participou dos programas LOS LUNES AL GOL e LOS INFILTRADOS ámbolos dous da canle Gol TV.
Como actor participou recentemente en BIRD BOX, película de Álex e David Pastor. Púidoselle ver tamén noutras como EL OLIVO de Icíar Bollaín ou REC 4 de Jaume Balagueró.
Na Televisión de Galicia protagonizou as series de comedia DO DEREITO E DO REVÉS e AUGASQUENTES. Interveu ademais en VIDA PERFECTA ou MATAR AL PADRE, ámbalas dúas de Movistar+.
Actualmente forma parte do elenco de EL PUEBLO (Amazon/Telecinco) e foi un dos protagonistas de FARIÑA (Netflix/Antena3).
É tamén guionista, director e locutor.