AGL organiza actividade de marcha nórdica

  • A AGL inclúe a Marcha Nórdica para a zona de Ourense, dentro da súa nova carteira de servizos

 

A Asociación Galega de Linfedema (AGL) vén de aprobar este ano a súa nova carteira de servizos coa que pretende chegar a un maior número de persoas diagnosticadas de linfedema, lipedema, insuficiencia venosa crónica e outras enfermidades asociadas.

Un destes novos servizos que bota a andar esta entidade é o de marcha nórdica que se realizará na provincia de Ourense, que conta coa colaboración do club Asesou (Asociación de Escaladores Ourensáns). Esta actividade, con inicio o 6 de xuño e se prolonga ata finais de decembro, contará con clases teóricas e prácticas impartidas unha vez ao mes por Asesou coas que se pretende dar resposta a unha demanda das persoas usuarias de AGL en Ourense.

A marcha nórdica é un tipo de exercicio que consiste en engadir o uso de bastóns á forma natural de camiñar, provocando que se activen tanto os membros superiores como inferiores, podendo utilizar os bastóns como apoio, como para propulsarse cara adiante.

Está demostrado cientificamente que este tipo de exercicio resulta beneficioso para as persoas diagnosticadas de linfedema, unha doenza que cada vez máis abunda dentro da poboación coincidindo cos casos de persoas que padeceron un cancro de mama, xinecolóxico ou ben urolóxico, entre outros casos.

A través do servizo de marcha nórdica, dende AGL pretenden mellorar o estado de saúde física e mental das persoas con linfedema, difundir hábitos de vida saudables a través dunha rutina de exercicio e tamén favorecer as relacións interpersoais.

También te podría gustar...