Actos conmemorativos do 50 aniversario do Polígono de San Cibrao

RP aniversario polígono1

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou onte a mañá na presentación aos medios de comunicación da programación de actos previstos para conmemorar os 50 anos de historia do polígono industrial de San Cibrao, un dos maiores polígonos empresariais de Galicia e o máis antigo.

Na súa intervención, Rogelio Martínez, subliñou o respaldo de distintos departamentos autonómicos á actividade industrial deste recinto que estes días cumpre medio século de actividade. Nesta liña, lembrou que xa está en redacción o proxecto da conexión viaria do polígono de San Cibrao coa autovía das Rías Baixas (A-52). O Goberno galego realizará unha mobilización total de 19 millóns de euros para esta actuación. Ademais, referiuse a necesidade da posta en marcha do Transporte Metropolitano, que facilitaría a comunicación coa cidade dos traballadores deste polígono, e manifestou a súa confianza de que a partir do vindeiro día 13 de maio co novo goberno municipal na capital quedará desbloqueada esta cuestión.

RP aniversario polígono2

 

Liñas de colaboración

O máximo representante da Xunta en Ourense referiuse ás medidas conxuntas avaliadas recentemente por empresarios e Administración autonómica para continuar a impulsar a competitividade das empresas asentadas neste parque empresarial e promover a implantación de novos proxectos no mesmo.  Martínez incidiu na necesidade de manter a colaboración entre empresarios deste recinto industrial e a Xunta para garantir outros, alomenos, 50 anos de progreso e innovación. “Temos que seguir traballando nesa liña de colaboración. Fixémolo ata agora e, de seguro, farémolo no futuro”, dixo Martínez.

O delegado territorial desexoulles éxito aos organizadores dos actos conmemorativos do 50 aniversario, que inclúen a inauguración dun espazo dedicado ao medio ambiente, unha gala homenaxe aos fundadores e a entidades promotoras do polígono e una mesa redonda con relatos históricos, a cargo de empresarios de renome da industria ourensá.

No acto tamén interviñeron o presidente da Asociación de Empresarios deste polígono, Elías Mera; o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández; o presidente da Deputación ourensá, Xosé Manuel Baltar; e o subdelegado do Goberno, Roberto Castro.

Nos preto de 5 millóns de metros cadrados que ocupa o polígono industrial de San Cibrao están establecidas 325 empresas, que xeran máis de 8.000 empregos directos.

También te podría gustar...