Acordo entre Coren e Endesa: Estabilidade de prezos e eficiencia enerxética

 

Endesa e Coren asinaron un contrato de subministración eléctrica a cinco anos para a cobertura das súas necesidades enerxéticas e acadar un ‘horizonte estable de prezos’. No mesmo tamén se contempla a colaboración para desenvolver proxectos de eficiencia enerxética e implantación de enerxías renovables.

O convenio, asinado na sede de Coren en Ourense o pasado 27 de abril polo presidente da cooperativa galega, Manuel Gómez-Franqueira, e o director de Clientes B2 B de Endesa, Juan José Muñoz, alcanza os 90 GWh e permitirá a Coren contar cun horizonte de estabilidade de prezos para o desenvolvemento da súa actividade.

Este contrato de subministración eléctrica asinouse por cinco anos, dará estabilidade á compañía galega na cobertura das súas necesidades enerxéticas a longo prazo, e abre tamén unha liña de colaboración para explorar conxuntamente o desenvolvemento de proxectos no ámbito da eficiencia enerxética e as enerxías renovables nas súas granxas e industrias.

O presidente de Coren, Manuel Gómez-Franqueira, destacou a relevancia deste convenio para a cooperativa no actual contexto de prezos e co obxectivo de afianzar, xunto coa experiencia de Endesa, a mellora dos procesos de eficiencia nas súas plantas agroalimentarias.

Para Coren é moi importante contar cun socio enerxético que nos dá seguridade e tranquilidade para desenvolver a nosa estratexia baseada no desenvolvemento sostible, fronte á gran volatilidade dos mercados prevista como mínimo a medio prazo. Así mesmo, axúdanos a afrontar o contexto no que nos atopamos de alza de custos que sofre o noso sector, xa que á subida da enerxía únese a das materias primas de alimentación animal

, indicou Gómez-Franqueira.

 

Pola súa banda, Juan José Muñoz, director de Clientes B2 B de Endesa, sinalou as avantaxes do acordo para Coren para afrontar o escenario actual con “custos estables e competitivos”. Así mesmo, lembrou o arraigamento da empresa en Galicia e o compromiso para “apoiar ao sector primario galego”.

 

También te podría gustar...