Aberto o prazo das axudas para a autonomía e para a asistencia de persoas con discapacidade

  • A Xunta publicou a nova orde para a concesión de axudas individuais dirixidas á adquisición de servizos de promoción de autonomía e de asistencia para persoas con discapacidade
  • O Diario Oficial de Galcia (DOG) recolle onte a convocatoria destas axudas para 2016
  • A orde, financiada nun 80% con fondos europeos, está dotada cun orzamento inicial de 730.185 euros, que se poderá ampliar no caso de que sexa necesario. A administración autonómica prevé beneficiar coa convocatoria deste ano a máis de 900 persoas
  • O prazo para a presentación de solicitudes de axuda é de dous meses a partir de hoxe. Estas serán estudadas por unha comisión de valoración e deberán resolverse nun tempo máximo de tres meses, contados dende o día seguinte á finalización do prazo de presentación das solicitudes

logo_DOGA Xunta de Galicia publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova orde elaborada pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade que establece as bases reguladoras para a concesión de axudas individuais destinadas a facilitar a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal a persoas con discapacidade. A administración autonómica dotou a esta orde, financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo, dun crédito inicial de 730.185 euros destinado a atender as solicitudes que se presenten e que está aberto a ampliación no caso de que sexa necesario. A administración autonómica prevé beneficiar con esta convocatoria de axudas a máis de 900 persoas.

A orde establece que soamente poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016 e poderán ser beneficiarias desta orde as persoas que teñan recoñecida un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Así mesmo, considerarase que cumpren con este requirimento os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez; e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Tamén poderán optar a solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as persoas que solicitasen o recoñecemento do grao de discapacidade con anterioridade á data de publicación desta convocatoria, quedando condicionada a percepción da axuda a que lles sexa recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. En canto ás persoas solicitantes de servizos complementarios de asistencia persoal serán necesario ademais que estas teñan recoñecida a prestación de asistencia persoal (PIA) a través do sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD).

Prazos
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es. Opcionalmente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, no rexistro do concello ao que correspondan os servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos.

O prazo para a súa presentación será de dous meses, contados a partir da xornada de hoxe. Unha comisión de valoración e valorará todas as solicitudes recibidas e o prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa será de tres meses, contados dende o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

También te podría gustar...